DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coa participación de especialistas de España e Portugal

O campus acolle un congreso internacional sobre filosofía, cultura e educación nas sociedades do século XXI

A cita desenvólvese este mércores e xoves na Facultade de Educación e Traballo Social

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Congresos e xornadas
  • Cultura
  • Investigación
DUVI Ourense 24/04/2024

A Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense acolle este mércores e xoves a celebración do I Congreso internacional sobre as diferenzas: filosofía, cultura e educación nas sociedades do século XXI, organizado polo grupo de investigación Ontoloxías da Diferenza. Fundamentos Teóricos e Repercusións Prácticas. Nel, pensadores de España e Portugal reflexionan sobre multiculturalismo, educación moral, a discusión entre a humanidade e as distintas intelixencias artificiais e as novas formas de pedagoxía.

O congreso está dirixido polos profesores da Universidade de Vigo Abraham Rubín, da Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense, e Brais González, da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte do campus de Pontevedra. O seu obxectivo é traballar a nivel interdisciplinar e da man de especialistas das universidades españolas de Vigo, Santiago de Compostela, Complutense de Madrid, UNED e Pompeu Fabra e das lusas de Minho, Braga, Évora e Coimbra, as repercusións que os distintos tratamentos sobre a cuestión da diferenza poden ter no ámbito da filosofía, a educación e a sociedade. A organización deste congreso na Facultade de Educación e Traballo Social, busca, tal e como indican os seus promotores, “pór de relevo a importancia da filosofía na educación, fundamental para dotar a futuros mestres e mestras de coñecementos, habilidades e ferramentas para o cultivo do pensamento crítico, tanto neles mesmos como no seu futuro alumnado”.

A programación deseñada busca ofrecer ao público asistente “unha aproximación á cuestión da diferenza desde unha óptica filosófica, que conflúa nas diversas problemáticas sociais, culturais e educacionais que definen o noso presente”. Hoxe, máis que nunca, subliñan os responsables do congreso, “imponse unha reflexión que conduza ao recoñecemento do outro, aquilo que, na súa diferenza, ou grazas a ela, enriquece e complementa o que nos constitúe, ou ben cuestiona e se mantén nas marxes de condutas, valores ou ideas que son predominantes”. Os investigadores da UVigo lembran que “da reflexión sobre a diferenza poden emerxer formas de pensamento alternativas capaces de representar a aquelas que dunha ou doutra maneira foron repudiadas ou silenciadas no devir da cultura hexemónica”.

De Byung-Chul Han a Deleuze

Fernando Pérez-Borbujo, profesor da Universitat Pompeu Fabra de Barcelona, arrancou a quenda de intervencións falando de multiculturalismo, neoliberalismo e nova pedagoxía no filósofo surcoreano Byung-Chul Han. Nela explicou a análise que fai este pensador da sociedade contemporánea e as súas propostas positivas para poder corrixir o que el considera que é o seu ton apocalíptico. Entre outros aspectos, achegouse á súa crítica da sociedade consumista contemporánea, o problema da implantación das redes sociais e o que está provocando de cambio sociolóxico e antropolóxico, de perda do mundo real e dos lazos comunitarios e de "aceleración" do tempo. Igualmente falou das propostas de Han de volta ás cousas materiais e á natureza para respectar os ritmos tradicionais; de reinterpretación do concepto de ritual e de consideración dos aspectos positivos da dor.

A programación do I Congreso Internacional: Sobre as Diferenzas tamén inclúe intervencións sobre os modelos e paradigmas de educación moral en Durkheim, Piaget, Kohlberg, Peters e Noddings; a educación para a responsabilidade/humanidade en E. Levinas e J. Derrida; a relación coa intelixencia artificial xenerativa e as converxencias e diverxencias sobre a educación no século XVIII e a actualidade, atendendo ao caso de Rousseau. Tamén se falará de filosofía, medo e morte; da arte e política nas rúas e da univocidade, expresión e diferencia entre Espinosa e Deleuze.