Aulas de música e baile tradicional

A universidade impulsa as aulas de música tradicional galega, coas que se amplía a oferta formativa en canto, percusión, gaita e baile.

Campus de Ourense

Entre a oferta de obradoiros de extensión universitaria que cada cuadrimestre organiza a Vicerreitoría do Campus de Ourense, está o dedicado á música tradicional galega dirixido polo músico e gaiteiro Gonzalo Abelairas.

Cunha oferta de prazas limitadas, inician ou melloran os seus coñecementos de gaita e de percusión tanto o alumnado universitario como non universitario.

Os contidos están enfocados tanto ás persoas que queren iniciarse como ás que queren ampliar os seus coñecementos. Nas sesións as persoas partipantes divídense en grupos atendendo ao seu nivel e ao instrumento que tocan, compartindo noutros momentos sesións conxuntas, para pór en práctica o aprendido.

Na actividade, afóndase no coñecemento da gaita galega, tratando aspectos como as técnicas de gaita, os tipos de dixitación, o repertorio, a afinación ou a ornamentación, ademais de achegarse a diversos aspectos da música tradicional.​


Campus de Pontevedra

A Aula Permanente de Música Tradicional Galega do Campus de Pontevedra iniciou a súa andaina no ano 2016 por iniciativa de membros da comunidade universitaria do Campus de Pontevedra co fin de levar a música tradicional galega ao ámbito académico, así como facilitar a continuidade na interpretación da música tradicional entre os estudantes desprazados temporalmente por razón dos seus estudos universitarios.

Esta actividade, promovida pola Vicerreitoría do Campus de Pontevedra, e dirixida na actualidade polo músico e gaiteiro Suso Vaamonde Manteiga, está formada por 46 compoñentes da contorna universitaria e non universitaria. O grupo de música permite a constitución de formatos como un grupo de gaitas e percusión, zanfonas, acordeóns e ocarinas, e un gran grupo con todos os compoñentes.

Impulsado ao abeiro da Aula Permanente de Música Tradicional, trátase dunha iniciativa conformada por 10 persoas con coñecementos musicais e dirixida por Marina Fernández Vigo, gaiteira de Sondeseu e Os Melidaos, profesora no Conservatorio Profesional de Vilagarcía de Arousa e directora da sección instrumental de Cantigas e Agarimos.

O propósito do grupo é o de representar á Universidade en actos locais e comarcais, contribuíndo á promoción da institución e á participación na comunidade; promover a cultura local; contribuír á preservación e documentación de cancións e melodías tradicionais, e proporcionar un espazo onde estudantes con intereses similares poidan atoparse, socializar e formar unha comunidade unida a través da música.

O obxectivo da Aula de baile tradicional é que os participantes poidan iniciarse, sen necesidade de coñecementos previos, nos principais ritmos do baile tradicional galego. A mestra de baile, pandeireta e canto tradicional Montse Rivera, integrante do grupo Leilía, é a docente desta aula de 18 persoas.

o programa da aula figura, en primeiro termo, un achegamento aos principais ritmos soltos do noso baile tradicional, a muiñeira e a xota, co obxectivo de aprender tanto os seus pasos base como as regras que rexen a súa combinación para convertelos en puntos. Ao mesmo tempo, tamén teñen cabida os principais ritmos agarrados, o pasodobre e o valse, xunto coa proxección de pezas resultado de recollidas realizadas polo territorio galego dende mediados da década de 1980 por Montse Rivera, co obxectivo de poder tamén afondar nas orixes destes bailes.

 

Campus de Vigo

Para máis información, podes contactar con:

Campus de Vigo   
Sección de Extensión Universitaria
+34 986 813 626
extension@uvigo.gal

Campus de Ourense
Área de Servizos á Comunidade                 
+34 988 387 102 | 988 387 089
asc-ou@uvigo.gal

Campus de Pontevedra
Área de Servizos á Comunidade               
+34 986 801 949 | 986 801 955
asc-po@uvigo.gal