Festival Sonora

Sonora é o festival das novas músicas na Universidade de Vigo

O ciclo Sonora ten lugar coa chegada da primavera para gozar do pracer de ver e escoitar os sons que fan falar as nosas emocións. Sonora pretende achegar ata o corazón da comunidade universitaria as linguaxes máis actuais e contemporáneas da música popular en calquera das súas manifestacións. Este proxecto musical, aberto e gratuíto, define unha universidade implicada na difusión das artes e da cultura.

Dende o seu nacemento en 2005, o festival Sonora enche cada ano o Teatro Vidal Bolaño da cidade universitaria a ritmo de novas propostas musicais. No Sonora mesturáronse distintos estilos ao longo das súas edicións. Acolleu no seu escenario a artistas emerxentes e consolidados como foron na edición 2018 Malandrómeda coa súa fusión, música electrónica e hip-hop e os zaragozanos Los Bengala.

Ao longo destes anos protagonizaron a edición primavera do festival Sonora artistas de renovación da música urbana como Dj Royce Rolo ou Agorazein, o proxecto de hip-hop que ten coma artífices a C. Tangana, Sticky M.A., Fabianni, Jerv.agz e I-Ace. Tamén estiveron no escenario ao longo destes anos bandas como Triángulo de Amor Bizarro e referencias da nova música galega coma Caxade.

A música de Ortiga e Dani protagonizará o festival Sonora '2.3, que organiza a Vicerreitoría de Extensión Universitaria. A viguesa Dani, Daniela Díaz Costas, exalumna de Publicidade e Comunicación Audiovisual da Universidade de Vigo, presentará, a partir das 17.30 h, o seu novo disco Posdata, logo do seu debut o ano pasado con Veinte.

Pola súa banda, Ortiga achegará ao Vidal Bolaño os seus sons frescos e bailables, combinando o espírito das verbenas cos ritmos latinos, fusionando cumbia, merengue, bachata e autotune. Manuel González, Chicho, interpretará temas dos seus traballos discográficos Chicho & sus chichas e Sabes el camino que elegí. 

A entrada é libre ata completar a capacidade da sala.

Para máis información, podes contactar con:

Campus de Vigo   
Sección de Extensión Universitaria
+34 986 813 626
extension@uvigo.gal

Campus de Ourense
Área de Servizos á Comunidade                 
+34 988 387 102
+34 988 387 089
asc-ou@uvigo.gal

Campus de Pontevedra
Área de Servizos á Comunidade               
+34 986 801 949
+34 986 801 955
asc-po@uvigo.gal