23 de setembro, Día Internacional contra a explotación sexual e o tráfico de persoas
Unidade de Igualdade, Universidade de Vigo
A Universidade, como institución social e educativa de referencia, debe impulsar modelos de espazos libres de sexismo, misoxinia e violencias de xénero
- A prostitución xera un sistema estrutural de dominación das mulleres máis vulnerables. A prostitución resulta un acto de violencia contra as mulleres
- Entre o 90 e o 95 % das mulleres prostitutas son vítimas do tráfico de seres humanos (tal e como vén definido no Protocolo de Palermo –ONU, 2000–) no noso país.
- O 92 % das mulleres prostitutas no noso país son estranxeiras con baixo nivel formativo e procedentes de países con economías febles. Por enriba do dereito dalgunha muller de ser prostituta está o dereito das demais a non selo. O que algunhas persoas chaman «profesión» moitas outras nomean «escravitude»
- A meirande parte das mulleres prostituídas comparten un pasado de abandono, abusos sexuais, violacións, violencia, pobreza e anulación psicolóxica.
- O índice de mortalidade de mulleres prostituídas é moitísimo máis alto ca en mulleres que non están en situación de prostitución; ao igual ca os brotes psicóticos e a depresión nas mulleres enfermas mentais.
- Case todas reciben agresións.
- O consumo xeneralizado de prostitución nas nosas sociedades é un síntoma dunha cultura sexual mixósina e agresiva contra as mulleres. Resulta incompatible coa igualdade
- Estímase que o 90 % das persoas prostitutas son mulleres e o 99,7 % das persoas que demandan prostitución son homes.
- O estudo do Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS, 2009) revela que un total de 32,1 % de homes maiores de 16 anos mercou sexo comercial.
- España sitúase como o primeiro país consumidor de servizos de prostitución de Europa e tamén o primeiro destino das vítimas de tráfico.
- O ámbito da prostitución funciona como unha alternativa de lecer e un rito de «masculinización patriarcal» entre todo tipo de homes, independentemente da súa idade, clase social, formación, ocupación ou ideoloxía.
Por todo isto, a Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo presentará nas próximas semanas un plan integral que promoverá iniciativas de formación e de investigación sobre:
- Consumo de prostitución en ambientes universitarios. Apenas hai estudos da incidencia de consumo de sexo comercial entre o estudantado universitario no noso estado. A Universidad de La Laguna fixo un estudo sobre unha pequena mostra de universitarios, cuns resultados que mostran que resulta unha práctica habitual, normalizada e frecuente neste colectivo (Pedernera, 2016). Cómpre afondar nesta cuestión.
- Educación afectivo-sexual. Rigorosa, obxectiva e completa no ámbito biolóxico, psíquico e social, entendendo a sexualidade como comunicación humana e fonte de saúde, pracer e afectividade. Para previr os embarazos non desexados, o VIH e outras enfermidades de transmisión sexual. Libre de estereotipos sexistas, baseada nos valores de respecto mutuo e de autonomía persoal, que contribúa a unha educación para a igualdade e respectuosa coa diversidade sexual.
- Novas masculinidades. A universidade, como institución social e educativa de referencia, debe impulsar modelos de masculinidades «rebeldes» fronte ao machismo, cara a unha universidade libre de masculinidades tóxicas.
- Reflexións éticas sobre o consumo de prostitución. O dramatismo da realidade das mulleres prostitutas contrasta coa banalidade, frivolidade e ociosidade na que se recrean os consumidores de prostitución. Isto convidamos á reflexión ética na Universidade de Vigo arredor deste fenómeno no que a perspectiva de xénero non se pode obviar, e onde as desiguais relacións de xénero e a feminización da pobreza ocupan un lugar central.