Día Internacional da Muller 2022

UVigo - Igualdade 25/02/2022

Porque foron, somos

O Día Internacional da Muller é unha data para que todas as mulleres reivindiquemos os nosos dereitos e botemos unha mirada desde o presente á loita das nosas predecesoras. Este ano 2022 queremos pór en relevancia as mulleres universitarias galegas que pisaron estes mesmos corredores e deron o primeiro paso para que hoxe o 55’67 % do alumnado universitario que os percorre máis libremente, sexan mulleres. Elas, as primeiras, as discriminadas, as violentadas, as invisibilizadas, conseguiron facerse un espazo de seu nunha época onde o coñecemento non estaba pensado para elas. Hoxe contamos a herstory das mulleres da Universidade de Vigo.

A finais do século XIX e comezos do XX, a pesar dunha lei que prohibía o acceso da muller á universidade, 15 destacables mulleres, ambiciosas e imparables, conseguiron contra todo prognóstico –tanto polas estruturas establecidas coma as taxas de alfabetización do 4’54 % das que proviñan– entrar nas aulas. Figuras como Concepción Arenal ou Manuela Barreiro Picos tiveron que recorrer ao engano do sistema patriarcal disfrazándose de homes e ter, así, acceso ás esferas da vida que se lles prohibía: unha técnica empregada comunmente por incontables mulleres que durante eses intres puideron sentir como podería ser un futuro sen desigualdade. Este futuro, que agora é o noso presente, tivo a súa semente no labor de defensa pública que fixeron mulleres como Emilia Pardo Bazán, cando se lexitimou o dereito das mulleres a recibir educación universitaria a través da Real orde do 8 de marzo de 1910.

A Universidade de Vigo, nada en 1989, provén  de diversos centros de ensino superior onde as mulleres tomaron un papel activo e protagonista, individual e colectivamente. O contexto social e cultural de comezos do século pasado supuxo un grande impedimento para entraren as mulleres no ensino superior, se temos en conta que, por exemplo, o 56 % das nenas ourensás non estaban escolarizadas. Con todo, en 1879 as mulleres comezan este proceso coa creación da Escola Normal de Mestras de Ourense, o cal, a pesar de ser un reflexo da crenza sexista da predisposición natural da muller cara aos coidados e á crianza, supón un grande avance no dereito ao coñecemento académico real. Neste espazo destaca Ernestina Otero, mestra das escolas normais de Ourense e de Pontevedra, que levou a cabo metodoloxías de ensino progresistas e coeducativas coas súas alumnas, inspiradas na súa experiencia formativa na Institución Libre de Ensinanza de Madrid.

A Escola Técnica de Peritos Industriais de Vigo naceu en 1901, e aínda que diversas mulleres tiveron acceso ás súas aulas dende 1910 –como foron M.ª del Carmen Sábada e Capablanca e Pilar Palomar Traver (1910-1911), Rosario Torvieso Monge e Dolores Lorenzo Salgado (1929-1930)–, non foi ata 1965 que a primeira muller tivo oportunidade de graduarse: Ángela González Garrido. Coñecemos pola súa testemuña os innumerables problemas que tivo como  alumna  para desenvolver a súa paixón polo saber científico entre amoestacións de profesores por «coarse» nas aulas e as críticas dun tempo reaccionario por levar sempre pantalóns na rúa. É un feito preocupante que a fenda de xénero dende que a catedrática Luisa Marcos Raña ocupaba os corredores deste centro, ata o día de hoxe, siga igual de marcada, cunha presenza das mulleres matriculadas en Industriais soamente dun 23 %.

A segregación horizontal entre estudos masculinizados e feminizados pódese rastrexar na historia da Escola Pericial de Comercio, que dende a súa fundación oficial en 1920 –como sinala M.ª del Pilar López Vidal, exdirectora–, tivo a presenza de varias mulleres nos seus estudos, en contraste coa máis antiga Escola Técnica de Peritos Industriais. Dende a primeira titulada da escola en 1926, Josefa Costas González, e tras ela Pilar Mosquera, Soledad Pelayo e Ángeles Cabello, a fenda de xénero por ámbitos de coñecemento segue latente.

Na nosa modesta contribución á creación dunha necesaria xenealoxía que recolla a memoria das mulleres na Universidade de Vigo e corrixa o silenciamento consentido da súa presenza e das súas voces, recordamos o esforzo e o sacrificio individual e colectivo de innumerables pioneiras, acompañadas durante décadas dun movemento de acción feminista, na loita polo dereito á educación de calidade e igualitaria, e prometemos seguir avanzando polo camiño que elas empezaron a percorrer. Por elas, por nós e polas que veñen.

Hoxe as mulleres estamos presentes!
Hoxe as mulleres temos voz!
Hoxe as mulleres seguimos reivindicando!
Hoxe as mulleres seguimos transformando!

 

Cada 8 de marzo, desde que en 1975 a Organización das Nacións Unidas declarou esta data Día Internacional da Muller, conmemórase como unha xornada de reivindicación dos dereitos das mulleres e da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes. A Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sostible, aprobada en 2015, considera que lograr a igualdade de mulleres e homes, eliminar todas as desigualdades e xuntar esforzos para conseguir unha igualdade efectiva en todos os campos forman parte dos obxectivos de desenvolvemento sostible, en particular do número 5: «Igualdade de xénero».

Non obstante, a crise provocada pola pandemia da covid-19 que vimos sufrindo desde hai dous anos, ou a chegada ao poder de gobernos ultraconservadores como sucedeu en Afganistán, acentuou as desigualdades de xénero: aumentou as diferenzas existentes e evidenciou a clara desvantaxe de mulleres e de nenas. A pandemia contribuíu a aumentar a violencia machista e intensificou a fenda de coidados, que recaen maioritariamente sobre as mulleres, e está na base das dificultades para o acceso e a promoción profesional. Isto conduce a fendas salariais que, en último termo, ten consecuencias na fenda das pensións. 

As universidades non son unha excepción a esta regra. O recente estudo Fenda salarial de xénero nas universidades públicas españolas, froito da colaboración entre o Ministerio de Universidades, a ANECA e a CRUE, revela a existencia de fendas salariais no PDI e permite analizar as súas causas para poder eliminalas. Segundo ese informe, a diferenza salarial é claramente visible na percepción de complementos, ao ser os homes os que acceden en maior número a estes ingresos. A causa posible é o menor exercicio dos dereitos de conciliación e de liberación do tempo de corresponsabilidade que exercen os homes para atender o coidado familiar, o cal propicia o desenvolvemento da súa carreira profesional. Polo que respecta ao PAS, os estudos diagnósticos das respectivas universidades apuntan a unha diferenza salarial menor pola composición feminizada do persoal, pero, aínda así, a fenda salarial existe e vincúlase, entre outras causas, ao exercicio dos dereitos de conciliación por coidado familiar, nos que apenas se aprecia unha mellora da corresponsabilidade. 

A pesar de que a presenza das mulleres nas universidades aumentou, é necesario destacar a ausencia destas nas carreiras CETEM e nos postos de responsabilidade, sobre todo neste ámbito. Somos conscientes da enorme importancia que o dominio das tecnoloxías terá no futuro e resultarán estratéxicas para acceder a ocupacións que posúan gran relevancia social. Hai que traballar para erradicar a actual fenda dixital de xénero, producida por nesgos androcéntricos que dificultan ou menoscaban a igualdade entre os sexos. A segregación educativa tamén se observa na escasa presenza de homes nas titulacións relacionadas co coidado e coa atención ás persoas. É necesario lograr o equilibrio para favorecer a corresponsabilidade.

Neste 8 de marzo, as unidades de igualdade das universidades que integran a Rede de unidades de igualdade de xénero para a excelencia universitaria (RUIGEU), queren centrar a súa reivindicación na loita contra estas desigualdades; desde o particular papel innovador das universidades, a través da necesaria implantación dos estudos de xénero e da transversalización da perspectiva de xénero na docencia, a investigación, a transferencia e o compromiso social, coma as vías máis potentes para aumentar a concienciación e a prevención das discriminacións, actuando como institucións exemplares da convivencia igualitaria para o resto da cidadanía.

Tamén queremos poñer en valor o traballo e o esforzo que están facendo as unidades de igualdade das universidades que, cunha dotación mínima de persoal e orzamentaria, sosteñen o peso do desenvolvemento dos plans de igualdade, coordinan os servizos necesarios para eliminar as violencias sobre as mulleres, impulsan actividades formativas desde a dimensión da igualdade e non discriminación, e facilitan a integración da perspectiva de xénero en todas as actividades universitarias. Deste xeito, contribúen a mellorar a elixibilidade das solicitudes nas convocatorias públicas de investigación e fundamentan o exercicio e a garantía dos dereitos de mulleres e homes.

Non podemos esquecer as mulleres que estiveron presentes en cada momento de avance e de resistencia contra a limitación de dereitos e de liberdades, as mulleres rurais e os seus obstáculos, as mulleres con discapacidade e a súa resiliencia, as mulleres migrantes e a súa capacidade de progreso, tampouco as que a violencia machista silenciou ou intentou silenciar. En definitiva, todas as que, nalgún momento, sufriron discriminación polo simple feito de ser mulleres.

Voces de mulleres que, ao unísono, fan viable a realidade dunha sociedade equilibrada e xusta. A universidade é un escenario privilexiado, desde onde se pode impulsar ese futuro, e as unidades de igualdade son o seu instrumento: fagámolo posible. A universidade constitúe un piar fundamental no cambio social construído baixo o prisma da igualdade real entre mulleres e homes. Sen igualdade e sen valores humanos, éticos ou morais, a liberdade é unha invitación á lei do máis forte; por iso debemos seguir apostando por políticas efectivas en pro da igualdade entre mulleres e homes.

Finalmente, desde a RUIGEU ratificamos a necesidade de seguir conmemorando cada 8 de marzo e loitando pola igualdade efectiva entre mulleres e homes durante todos os meses do ano. É o noso deber como propulsoras dunha sociedade máis xusta e igualitaria. 

8 de marzo de 2022

A ONU declarou o 8 de marzo como Día Internacional da Muller, co obxectivo de reivindicar os dereitos das mulleres e a igualdade de oportunidades entre estas e os homes. A Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sostible, aprobada en 2015, busca xuntar esforzos para conseguir esa igualdade efectiva en todos os campos a través dos obxectivos de desenvolvemento sostible, especialmente o seu número cinco, referido á «Igualdade de xénero».

A crise da covid-19 non só contribuíu a aumentar a violencia machista, tamén acentuou as desigualdades de xénero e evidenciou a clara desvantaxe de mulleres e nenas. A pandemia intensificou a fenda dos coidados, que recaen maioritariamente sobre as mulleres e dificultan o seu acceso e promoción profesional; e con isto, a fenda salarial e a repercusión que nun futuro terá sobre as súas pensións.

As universidades levamos anos traballando pola igualdade efectiva e somos conscientes de que non somos unha excepción a estes problemas. O recente estudo Fenda salarial de xénero nas universidades públicas españolas, froito da colaboración entre o Ministerio de Universidades, a ANECA e a CRUE, revela a existencia de diferenzas salariais de xénero. Estas fendas son unha expresión máis das dificultades que as mulleres teñen no desenvolvemento da súa carreira docente e investigadora, dos obstáculos internos e externos que teñen que salvar para garantir a súa estabilización e promoción profesional, e da necesidade de programas de conciliación laboral e familiar para ambos os sexos que permitan manter o ritmo adecuado no exercicio docente e investigador.

Aínda que a presenza das mulleres en estudos de grao supera os homes, é preocupante a súa infrarrepresentación nos postos de responsabilidade e nas carreiras CETEM. A crecente importancia do dominio das tecnoloxías para acceder a ocupacións de relevancia social úrxenos a actuar para cerrar a fenda dixital de xénero que xa existe. A segregación educativa tamén se observa na escasa presenza de homes nas titulacións relacionadas coa educación, o coidado e a
atención ás persoas, ámbitos menos prestixiados pola sociedade. É necesario lograr o equilibrio para favorecer a corresponsabilidade.

A CRUE, a través do grupo de traballo de políticas de xénero da súa comisión sectorial de sostibilidade e en colaboración coa Rede de Unidades de Igualdade de Xénero para a Excelencia Universitaria, quere centrar a súa reivindicación na loita contra todas estas desigualdades desde o papel innovador das universidades. A implantación dos estudos de xénero, a transversalización da perspectiva de xénero na docencia, a investigación e a transferencia, e o compromiso social son as vías máis potentes para aumentar a concienciación e previr discriminacións.

É obrigado poñer en valor o traballo e o esforzo das unidades de igualdade das universidades para desenvolver plans de igualdade, a coordinación dos servizos para eliminar as violencias sobre as mulleres, o impulso de actividades formativas desde a dimensión da igualdade e non discriminación, ou a integración da perspectiva de xénero en todas as actividades universitarias.

Non podemos esquecer as mulleres rurais, mulleres con discapacidade ou migrantes, nin as que a violencia machista silenciou. En definitiva, todas as que, nalgún momento, sufriron discriminación polo simple feito de ser mulleres.

A comunidade universitaria ratifica a necesidade de seguir conmemorando cada 8 de marzo e de seguir loitando pola igualdade efectiva entre mulleres e homes todos os días do ano. É o noso deber como institucións propulsoras dunha sociedade máis xusta e igualitaria.

 

Máis información:

Unidade de Igualdade
Edificio Ernestina Otero
As Lagoas, Marcosende
36310 Vigo
+34 986 813 419​
​​​​​​igualdade@uvigo.gal

Instagram