A Universidade de Vigo coa celebración do Día do Orgullo

UVigo - Igualdade 28/06/2018

 

O Día do Orgullo LGTTBI+ nace como forma de acabar cos contextos socioculturais homófobos, transfóbicos ou diversofóbicos, porque entende que a diversidade humana é unha gran riqueza que todos e todas debemos celebrar

Posto que as fontes da discriminación radican na propia sociedade cuxos patróns culturais diversofóbicos, heteronormativos, cissexistas e binarios lle impide recoñecer e respectar a riqueza e a diversidade das persoas, a Universidade de Vigo únese á celebración do Día do Orgullo e quere expresar o seguinte:

A Universidade de Vigo séntese «orgullosa» de que todas as persoas que forman parte da nosa comunidade poidan expresar libremente a súa identidade, diversidade e orientación sexual e de xénero nun ambiente aberto á tolerancia e á defensa dos dereitos humanos, coas máximas garantías de igualdade.
A Universidade de Vigo séntese «orgullosa» de ser unha institución pública que traballa contra as desigualdades e as discriminacións e por facer da nosa universidade un espazo libre de violencias de xénero.

A Universidade de Vigo séntese «orgullosa» porque apoia todas as persoas ou os colectivos que se senten ameazados e rexeitados poñendo en marcha o «Protocolo de actuación para o cambio de nome e o de xénero de uso común das persoas transexuais, transxénero e intersexuais na Universidade de Vigo» e o «Protocolo marco de actuación para a prevención e sanción do acoso sexual e por razón de sexo da Universidade de Vigo».

A Universidade de Vigo séntese «orgullosa» porque seguirá loitando coa implicación de todas e todos a favor da cultura do respecto á igualdade, ao sexo sentido e á diversidade de xénero e de orientación sexual.