Development cooperation

A Universidade de Vigo entende a cooperación como o conxunto de accións dirixidas ao intercambio de experiencias e recursos entre países para construír metas comúns na consecución dos obxectivos de desenvolvemento sostible incluídos na Axenda 2030.

Así mesmo, defende un tipo de cooperación que provoque un cambio social nas zonas de intervención a través da participación naqueles proxectos que contribúan a un desenvolvemento autosostido, autónomo e sistemático, que lles confiran ás persoas beneficiarias da axuda un papel protagonista no deseño e a posta en marcha das distintas iniciativas.

Misión

No ámbito da cooperación ao desenvolvemento, a Universidade de Vigo dirixe os seus esforzos a pór a disposición de determinados colectivos e países,
preferentemente en América Latina, Lusofonía, Magreb e Balcáns, as súas fortalezas como institución educativa, investigadora, tecnolóxica e de gobernanza, mediante  a implicación tanto da sociedade civil da súa contorna máis próxima como dos grupos beneficiarios da axuda.

Visión

  • Proporcionar asistencia técnica a través do fortalecemento de coñecementos e habilidades.
  • Contribuír á transferencia e intercambio de coñecemento científico e tecnolóxico aplicado á educación, saúde, enerxía, infraestruturas, produción, medio ambiente e institucións públicas.
  • Ofrecer apoio ás ONGD que desenvolvan o seu traballo, preferentemente dende as provincias de Pontevedra e Ourense, no ámbito da axuda humanitaria.
  • Concienciar e formar á comunidade universitaria sobre a desigualdade entre países e a necesidade de xustiza social.

Valores

A Universidade de Vigo cre na necesidade de implicar a comunidade universitaria na busca activa de mecanismos que permitan o desenvolvemento sostible do noso planeta fundamentado na solidariedade, a dignidade das persoas, a xustiza, a equidade e a inclusión, a igualdade de xénero, o respecto aos dereitos humanos e as institucións democráticas, a defensa do medio ambiente e a solución pacífica das controversias.