Foi seleccionada entre máis de 1000 proxectos de 20 países

A spinoff Alén acada a semifinal dos premios da Fundación Everis ao emprendemento

O gañador, que se coñecerá en outubro, recibirá 60.000 euros para desenvolver a empresa

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Investigación
Mª del Carmen Echevarría DUVI 01/06/2018

10 persoas, das que nove, están ou estiveron vinculadas á Universidade de Vigo conforman Alén, a spinoff da institución académica, centrada no desenvolvemento de tecnoloxía espacial, que neste intre se atopa en fase de validación comercial e industrialización da tecnoloxía desenvolvida nos últimos anos, ao abeiro do programa Ignicia da Xunta de Galicia. Entre 1000 proxectos, procedentes dunha vintena de países, Alén acaba de ser seleccionada como semifinalista dos premios da Fundación Everis ao emprendemento, dentro da categoría de Tecnoloxías Industriais, coa súa proposta de desenvolvemento de satélites de baixo custo co estándar da Axencia Espacial Europea. 

“Chegar a semifinalistas xa é un logro moi grande e un ‘chute’ de motivación e ademais gañamos a semifinal de Industria de Madrid, polo que a alegría é maior”, explica Antón Vázquez, responsable de Integración e Sistemas de Alén, que destaca que nos premios hai un finalista por cada unha das tres categorías e dúas semifinais, a que se celebrou na capital de España e outra que terá lugar en xullo en Barcelona. Na semifinal celebrada en Madrid, xunto a Alén, as outras dúas spinoff seleccionadas foron FoxID na categoría de Novos Modelos de Negocio Dixitais e Somax na de Saúde. Estas tres compañías competirán na final con outras tres que se escollerán en xullo en Barcelona, por un premio cunha dotación económica de 60.000 euros para o desenvolvemento da empresa e un paquete de servizos de asesoramento, valorado en 10.000 euros. O xurado do premio, integrado por executivas e executivos de grandes compañías dos sectores científicos e tecnolóxico, avalía os niveis de innovación, o potencial de crecemento, impacto social e a calidade do proxectos presentados a estes galardóns, que xa suman dezasete edicións.

Un grande escaparate para dar visibilidade ao proxecto

Os responsables de Alén, que acadaron a semifinal do premio tras impoñerse a 10 proxectos procedentes de España, Alemaña, Italia, Portugal e Xapón, decidiron concorrer ao galardón da Fundación Everis “porque son un grande escaparate de visibilidade e un premio moi valorado, xa que é global e ademais o grupo Everis ten diversas liñas entre as que se atopa o espazo”, explica Antón Vázquez.

En canto ás posibilidades que os integrantes da spinoff viguesa consideran que poden ter de gañar o premio, o responsable de Integración e Sistemas de Alén, considera que “un sempre que chega á final cre que a pode gañar, desde a humildade e sendo conscientes de que chegar ata aquí xa é un premio. Descoñecemos os proxectos que se presentarán en Barcelona, pero se teñen o nivel que vimos en Madrid será complicado, xa que había grandísimos proxectos”, destaca. Antón Vázquez lembra que neste intre Alén atópase en fase precomercial, aínda que levan traballando como grupo desde o ano 2007 e dentro do programa Ignicia desde setembro.