Presentáronse este venres no Concello de Vigo

As I Xornadas en Acústica Avanzada reunirán no campus especialistas chegados de toda Europa

Celebraranse os días 19 e 20 de xuño na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Investigación
DUVI 01/06/2018

Especialistas chegados de diferentes puntos da xeografía española e europea participarán este mes no campus nas I Xornadas en Acústica Avanzada para Aplicacións Industriais, cita que se levará a cabo os vindeiros  días 19 e 20 de xuño na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación e que atraerá a persoas con diversos intereses e iniciativas que porán a Vigo na órbita dos últimos avances en tecnoloxía acústica para aplicacións industriais.

A cita presentouse este venres no Concello de Vigo nun acto que contou coa participación do alcalde, Abel Caballero, que destacou  “a importancia que o estudo avanzado da acústica supón na industria do automóbil, naval e aeronáutica”, e o responsables do comité organizador, o profesor Manuel Sobreira, que explicou que  estas xornadas pretenden “ser un punto de encontro para os profesionais que formamos na escola e que nestes momentos atópanse traballando en primeira liña da alta tecnoloxía acústica nas principais empresas de toda Europa, ademais, por suposto, doutros grandes expertos”.

Dirixido a empresas e alumnado con mentalidade emprendedora

O evento está dirixido a empresas con interese na aplicación de novas tecnoloxías acústicas, enxeñerías que traballan no desenvolvemento de novas aplicacións e estudantes con mentalidade emprendedora. “Son unhas xornadas bastante específicas pero a resposta está a ser moi boa e xa  temos uns 60 inscritos de toda España”, abordou o coordinador.

Ao longos de dous días abordaranse as principais tecnoloxías acústicas de aplicación no ámbito industrial relacionadas con tres eixes fundamentais: holografía acústica, sensores vectoriais e intelixencia artificial acústica. A holografía acústica e beamforming son tecnoloxías asociadas á visualización de campus acústicos, empregando a sinal captada por un elevado número de micrófonos, enfocadas fundamentalmente ao diagnóstico de fontes acústicas complexas. Trátase, en xeral, de localizar onde se xera unha vibración ou a emisión dun ruído non desexado.

No caso dos sensores vectoriais acústicos estas tecnoloxías están supondo toda unha revolución no ámbito da acústica aplicada. Neste caso un único sensor permite localizar de onde procede unha onda sonora, é dicir, localizar a fonte que provocou un evento acústico. “Este tipo de técnicas de detección e localización de sinais impulsivas empréganse, por exemplo, para localizar cazadores furtivos”, explica Sobreira.
Polo que respecta á intelixencia artificial en acústica, a utilización dos sensores adecuados conxuntamente con técnicas de recoñecemento de patróns e redes neuronais profundas permite non só localizar un evento acústico, senón ademais detectar de que tipo de evento se trata. “A detección automática de eventos domésticos pode aplicarse á xeración de alertas (caídas domésticas, detección de billas abertas, goteos) ou como apoio doméstico a persoas con dificultades auditivas (detección do choro dun bebé, do son dun timbre, etc.)”, recalca Sobreira.