Segundo recolle un informe da Axencia da Industria Forestal coordinado polo investigador Juan Picos

A industria forestal e da madeira facturou o pasado ano en Galicia máis de 2200 millóns de euros

En 2017 rexistráronse cifras récord en materia de exportacións e cortas de madeira

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Divulgación
  • Medio Ambiente
  • Universidade e empresa
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 19/10/2018

A industria forestal e da madeira superou en 2017 os 2200 millóns de euros de facturación, un volume de actividade que non alcanzaba desde o ano 2008, ademais de presentar cifras de récord en materia de exportacións, cunha facturación máis de 800 millóns de euros, e no volume de madeira cortada, que por primeira vez superaba os 8,5 millóns de metros cúbicos. Estes son algúns dos datos que recolle o informe A cadea forestal–Madeira de Galicia 2017, que, baixo a coordinación do director da Escola de Enxeñaría Forestal, Juan Picos, este centro do campus pontevedrés realizou xunto coa Axencia da Industria Forestal (Xera) da Xunta de Galicia. Un informe que este venres foi presentado na sede da Vicerreitoría, nun acto que contou coa presenza de diferentes axentes dun sector “que está a traballar a unha velocidade de cruceiro encomiable”, e que, a pesares de presentar determinadas “feblezas”, constitúe un elemento “vertebrador” da economía galega, como sinalou Picos.

“O futuro dun sector comeza por coñecelo no detalle máis miúdo”, sinalou Picos na presentación deste informe, na que estivo acompañado polo vicerreitor do campus, Jorge Soto, e o director de Xera, Ignacio Lema. “Cando falamos da industria forestal, estamos a falar de exportacións, de impacto económico, de emprego, e, sobre todo, de ingresos no rural”, sinalou Soto, quen valorou a EE Forestal como “unha fortaleza do campus” nun acto no que Lema puxo o acento na importancia de contar con información como a que recolle este informe para “tomar decisións estratéxicas”. O director de Xera salientou que datos como os volumes de corta ou de exportacións amosan “que somos unha potencia forestal”, máis ao mesmo tempo incidiu en que en potencias como Finlandia, Suecia e Austria “o peso da industria representa entre o 5% e o 7% do PIB, polo que en Galicia temos unha importante marxe de crecemento”. Neste punto, Lema incidiu en que “o coñecemento é o que nos vai permitir deseñar medidas axeitadas” para un sector cunha “grande importancia económica e social”, polo que “o reto de futuro máis importante é a posta en marcha dun programa que impulse ese coñecemento”.

Un sector con vitalidade trala crise

“Malia todos os seus problemas e a súa complexidade, é un sector que, cando pode, reacciona”, salientou Picos respecto dunha industria que o pasado ano volveu a superar os 2200 millóns de euros de facturación, tralo descenso provocado na última década pola crise económica. Neste eido, o director da EE Forestal puxo de relevo a crecente importancia da industria de segunda transformación, que aproxima a súa facturación aos 500 milóns de euros, cun crecemento do 26% desde 2015, “impulsada especialmente polo segmenteo do contract”, as empresas vinculadas ao deseño, fabricación e instalación de equipamentos para construcións de uso colectivo, ao o estudo atribúe unha facturación próxima aos 300 millóns.

Así mesmo, o Índice de Produción Industrial nos sectores da industria da madeira, do papel e da fabricación de mobles presentaron “taxas de crecemento anuais maiores que as do resto da industria de Galicia”, salientou o coordinador dun informe que analiza tamén o “récord en materia de exportacións” rexistrado en 2017, cun volume de facturación por riba dos 800 millóns de euros, practicamente o dobre do que o sector presentaba no 2000. O 56% destas exportacións, recolle o documento, tiñan como destino países da Zona Euro, mentres que outro 22% ía a outros países europeos e o outro 22% restante, en proporcións similares, a América, Asia e África.

Máis de 20.000 postos de traballo

Por outra banda, o estudo detense no impacto para a economía galega dun sector que non depende dunha “grande empresa tractora” senón que constitúe unha rede relacionada á súa vez con outros moitos ámbitos, como amosa que en 2017 a “cadea forestal-madeira” adquiriu produtos do 80% dos sectores económicos de Galicia, por un valor superior aos 10 millóns de euros. Unha cadea á que están asociados 20.320 postos de traballo, principalmente nas ramas de industrias da madeira, con 8671, fabricación de mobles con 4111, e industria de papel, con 1470.

Récord tamén en madeira cortada 

2017 marcou así mesmo un récord no que respecta ao volume de corta de madeira en Galicia, con case 8,6 millóns de metros cúbicos o 47% da madeira cortada en España e o 1,9 da madeira procudida no conxunto da Unión Europea. Máis da metade desta madeira procede do eucalipto, que superou en 2017 os cinco millóns de metros cúbicos e rexistrou un incremento do 14% con respecto a 2015, mentres que, no relativo ás áreas xeográficas con maior volume de actividade, o informe sinala a importancia seeis distritos forestais, a Mariña Lucense, con 1,2 millóns de metros cúbicos; Bergantiños-Mariñas Coruñesas, Ferrol-Ortegal, Lugo-Sarria, Santiago-Meseta Interior e Terra Chá, que roldan o millón de metros cúbicos. Seis distritos nos que se corta en cada un deles máis madeira que en 15 comunidades autónomas, engadiu Picos, que sinalou tamén á existencia de sete distritos forestais, na provincia de Ourense, que só supoñen o 5% do volume total de cortas e presentan datos “probablmente impropios do que sería un aproveitamento sostible e tecnificado”. 

No relativo á tipoloxía do titular dos aproveitamentos, preto do 87% das cortas foron solicitadas por persoas físicas, o 42% mulleres e o 58% homes, o que amosa a importancia dos propietarios particulares, apuntou Picos, nesta cadea, na que as solicitudes de corta correspondentes ás comunidades de montes veciñais en mán común supuxeron preto do 10% do total. Comunidades que son responsables do 53% da madeira aproveitada na provincia de Pontevedra, na que a propiedade privada individiual só supón o 45%, cifra que, pola contra, se sitúa por riba do 95% nas provincias da Coruña e Lugo e no 77% na de Ourense.

Cinco rutas a seguir

O director da EE Forestal pechou a presentación deste informe co adianto dunha serie de “rutas de mellora” nas que se atopan traballando co Axencia da Industria, e que pasan pola mellora do capital humano a través da formación, por desenvolver un “ecosistema de innovación” ao redor da “rede do sector”, por promover a cooperación con outros sectores económicos, por traballar na valorización, comunicación e difusión e por “competitividade, o desenvolvemento e a diversificación”. Nesta ruta en concreto, Picos puxo o acento na importancia que terán o desenvolvemento de novos produtos ligados á bioeconomía, como a aplicación da madeira no téxtil, nos bioplásticos ou en “compoñentes funcionais en sectores como a automoción e outro tipo de industrias”.