Carles Murillo, expresidente da Comisión Económica do FC Barcelona, afondou neste tema no campus

Detrás dun gran club de fútbol, éxito deportivo e estratexia empresarial

No marco dun curso organizado na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo

Tags
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 05/04/2013
Segundo a listaxe dos clubs de fútbol con máis ingresos do mundo que realiza Deloitte, no ano 2012 o Fútbol Club Barcelona ocupaba o segundo posto da táboa con 483 millóns de euros de ingresos. Para explicar a fórmula deste éxito fronte á delicada situación económica da maioría de equipos, Carles Murillo, expresidente da Comisión Económica do equipo azulgrana, achegouse este venres ao campus de Ourense para ofrecer unha conferencia no Curso de organización e desenvolvemento de eventos deportivos. “Un club só chega ata aí se ademais de resultados deportivos ten unha boa planificación estratéxica e unha boa xestión económica”, destacou este catedrático de Economía Aplicada da Universitade Pompeu Fabra.

A profesionalización, a clave

Murillo foi un dos convidados este venres a participar nunha nova quenda de sesións do curso que organiza o grupo de xestión económica do deporte da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo de Ourense e que reúne a responsables de destacadas citas e entidades deportivas para explicar o traballo organizativo e de xestión que realizan. “No caso do Barcelona a clave está no cambio de modelo organizativo e de xestión que se produciu cando Joan Laporta asumiu a presidencia do club en 2003 e que consistiu basicamente na súa profesionalización”, apuntou o catedrático.

Segundo explicou o expresidente da Comisión Económica do FC Barcelona, o que se fixo nese momento foi adoptar un modelo no que primaba, antes que ser amantes deste deporte, ser profesionais coas capacidades axeitadas para dirixir e xestionar as súas funcións. “Fíxose un plan de empresa, unha estratexia empresarial e marcáronse uns obxectivos. En cada área, fose a administrativa, a loxística ou as instalacións, se comezou a pedir resultados, a facer seguimento do seu cumprimento de obxectivos. Non só interesaban os resultados deportivos, senón tamén os de cada departamento”, comentou Murillo Fort. Do mesmo xeito que se profesionalizou a organización e a xestión, apuntou, aos xogadores tamén se lles comezou a incentivar poñendo en marcha complementos aos soldos segundo a produtividade.

“Os resultados deste cambio de modelo foron moi positivos, pasando na lista de Deloitte do número trece naquel entón aos postos de cabeza nos últimos anos. Agora é maior o éxito deportivo, a masa social que segue ao equipo e o seus resultados económicos”, subliñou Carles Murillo. Para o docente, “conseguir ser unha marca internacional de éxito como o é o Fútbol Club Barcelona non se consegue só con resultados no campo, require estratexia, márketing, coidar as mensaxes que se transmiten, os valores cos que se asocia ao equipo e moito máis”. Salientando que o investimento en talento que fai o club lle ten dado bos resultados, sinalou tamén que xunto aos beneficios que reportan os éxitos nas competicións están moitos outros ingresos complementarios, como a potenciación da asistencia do público ao estadio e a explotación das instalacións e da marca.

Remate de curso

Alén desta intervención, este venres e sábado o curso conta na súa programación coas conferencias de Miguel Galeiras, de Ferrol Xestión Deportiva, sobre a Pantin Classic Pro; de Marta Míguez, do Consello Municipal de Deportes de Ourense, sobre a carreira do San Martiño; de Pilar Ruiz, do Club de Corredores VIG-BAY, sobre esta media maratón; de Begoña Estévez, Deportes da Deputación de Pontevedra, sobre a Volta Ciclista a España 2013, e a videoconferencia de José Gigante, do Comité Organizador Londres 2012, sobre os Xogos Paralímpicos que se celebrarán nesa cidade. Con estas conferencias pecharase un intenso programa de intervencións a cargo de destacados expertos na xestión do deporte, entre os que estivo Fernando Carpena, presidente da Federación Española de Natación e do comité organizador do campionato do Mundo de Natación Barcelona 2013, que se achegou ata Ourense para amosar aos asistentes as claves da organización dun grande evento deportivo.