DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O curso apraza a súa última clase, prevista para este pasado sábado, ata novo aviso

14 persoas aprenden as técnicas para facer enxertos nun novo obradoiro de Extensión Universitaria

Permiten adiantar ou retrasar floracións e ter árbores máis resistentes ao clima ou ás enfermidades

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Cultura
  • Medio Ambiente
  • Cultura
Antía R.G. DUVI 16/03/2020

A técnica do enxerto consiste en unir dúas variedades de árbores ou plantas facendo que “solden” entre si e formen unha nova e, para conseguilo xúntanse dúas partes, o tronco ou patrón e a parte que se insire ou puga. Estes coñecementos, que en moitos casos se transmiten de xeración en xeración, centro un dos obradoiros de Extensión Universitaria deste cuadrimestre. O obxectivo deste taller, que se imparte por primeira vez e no que se traballa con árbores froiteiras, ornamentais e hortalizas, é “reproducir e conservar as nosas especies”, sinala José Garrido, docente do curso e PAS no Centro De Investigacións Biomédicas (CINBIO). 

A programación do obradoiro viuse alterada pola crise do coronavirus e, aínda que tiña previsto rematar este pasado sábado, a última clase adíase ata novo aviso. Nas sesións que tiveron lugar ata agora, as 14 persoas que participan no curso, recibiron clases tanto teóricas como prácticas, non só para aprender a facer enxertos, senón tamén sobre os riscos que se poden atopar ao saír ao campo, os tipos de terreo, as utilizacións dun recurso indispensable como é a auga, e diversos tipos de datos curiosos e consellos que o alumnado poderá usar no futuro.

Con case todas as prazas cubertas dende o primeiro momento, Garrido recoñece que dada a temática “contas con que veña xente de certa idade”, pero finalmente o obradoiro resultou ser todo un “exemplo de convivencia interxeracional” xa que os participantes de maior idade poderían ser avós dos máis novos. Ademais de na idade, tamén se diferencian na formación. “Algúns son doutores e titulados universitarios mentres que outros, por diversas circunstancias da vida apenas puideron ir á escola. Aínda así, resultou ser un grupo moi compenetrado”.

Aprender sobre enxertos, os riscos ao saír ao campo, os tipos de terreo e moito máis

Facer enxertos ten distintas finalidades, entre elas conseguir “adiantar ou retrasar as floracións, conseguir árbores máis pequenas para que sexa máis doado recoller as froitas, facer que as árbores sexan máis resistentes ás condicións climáticas, erradicar algunhas enfermidades, etc.”, explica o docente. Na primeira parte do obradoiro, o alumnado fixo prácticas con ramas suxeitas nun soporte, para así coller destreza e posteriormente saír ao campo para practicar directamente nas árbores.
No que se refire aos enxertos, apunta Garrido, practicamente todas as plantas e árbores se poden enxertar, a excepción dalgunha especie como por exemplo o piñeiro “debido ao tipo de cortiza dura e rugosa que ten”. O máis doado de enxertar, sinala, son as hortalizas como pementos, tomates, sandías... ao contrario das plantas ornamentais coma os cactos, que requiren técnicas diferentes.

Garrido apunta que, para decidir o tipo de enxerto hai que ter en conta varios factores, o primeiro deles é diámetro do patrón, xa que segundo sexa máis groso ou menos resultará máis efectivo un ou outro tipo de enxerto. A maiores, tamén hai que ter en conta a época do ano, algo que para Garrido non é tan sinxelo como podería parecer. “Antes había un calendario con datas, hoxe co cambio climático está todo revolto e temos que basearnos na observación e ver en que situación están as árbores en cada momento”. 

No obradoiro tamén se abordaron temas de seguridade no campo en relación ás picaduras de abellas ou  remedios naturais que poden usarse como o “llantén”. O alumnado tamén puido coñecer os distintos tipos de terreo e o xeito de saber se a terra é ácida ou alcalina mediante elementos como vinagre ou bicarbonato e como corrixilo. A auga como base de toda planta e ser vivo foi outro punto a destacar. Nas clases, o alumnado aprendeu a buscar auga con métodos de radioestesia ou rabdomancia e a bombeala de forma gratuíta cunha bomba de ariete, para cuxa construción “apenas se necesita nada”. 

A lúa e como esta afecta a plantas e árbores

Un dos temas que tamén se abordou no obradoiro é a influencia das fases da lúa nas plantas, un coñecemento tradicional que sempre se tivo en conta para sementar, podar ou enxertar. Garrido lembra unha lenda que di que “batendo” nos limoeiros na noite de San Xoán, estes darán máis froito e apunta a unha explicación: cando unha árbore é moi vigorosa non da froito e hai que “castigala” para que se “desangre” por estas feridas e perda vigor. Porén, hai métodos mais ortodoxos para facer isto tales como o “anelado”, que consiste en darlle uns cortes ás ramas de forma limpa para que a árbore non se infecte. No caso dos enxertos, “o risco que corremos cando facemos un é que a rama ou puga se seque e deshidrate antes de que solde co patrón e lle transmita o zume que a mantén viva”. Cando a lúa está chea, este zume está nas ramas e en minguante está na parte baixa, por iso se as púas son recollidas en ascendente non se deshidratan tan pronto. 

Estas e moitas outras curiosidades e anécdotas, foron as que máis chamaron a atención do alumnado, remarca Garrido, que destaca o interese amosado polo grupo, que seguía facendo preguntas mesmo despois de rematar a clase e xa na hora de xantar. “Se cando as tripas berran coa fame es capaz de seguir alí, entendo que resulta algo interesante”.

Dos enxertos á apicultura

A programación do segundo cuadrimestre comprende outro obradoiro impartido por José Garrido, desta volta sobre apicultura, previsto para comezos de abril e que agora está no aire, ata coñecer a duración do estado de alarma polo COVID-19 e a súas consecuencias.