DUVI

Diario da Universidade de Vigo

material

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Saúde
  • Institucional
M. Del Río DUVI 25/03/2020

Tras varios días inventariando e recollendo o material sanitario, este mércores a Universidade de Vigo entregou ao Sergas todos aqueles recursos que poden axudar na loita contra a COVID-19. En total, o persoal investigador reuniu preto de 4000 mascarillas de diferentes tipos, case 100.000 pares de luvas e arredor de 1000 batas desbotables, así como etanol, calzas, gafas e Kits PCR para a diagnose  do coronavirus.

A vicerreitora de Investigación, Belén Rubio, explica que todos estes recursos foron achegados por diferentes grupos tras o chamamento para contribuír, tanto con material como con coñecemento, a frear a expansión da pandemia. Hoxe mércores, unha furgoneta Axega, Axencia Galega de Emerxencias, recolleu todo este instrumental da man do vicerreitor de Planificación, José Luis Míguez, e será o Sergas quen se encargue de distribuílo, en función das necesidades, a hospitais e centros de saúde. Neste sentido, a vicerreitora agradece a “resposta inmediata dende o primeiro momento” de todo o persoal de investigación, no relativo tanto á achega de material como á realización das probas de PRC. Non en van, o Goberno solicitou a través da CRUE, a colaboración das universidades para facer unha listaxe dos equipamentos dispoñibles en cada institución para facer a proba da PCR e de persoal con experiencia, disposto a desprazarse dentro e fóra de Galicia no caso que fora preciso. Neste caso, engade Rubio, “a resposta tamén foi moi rápida e moitos deles están dispostos a desprazarse; estamos á espera de que nos dean instrucións ou reclamen a onde deben dirixirse”.

Por todo isto, a vicerreitora recoñece sentirse “moi orgullosa do persoal investigador e técnico da nosa Universidade”, ao que traslada o seu agradecemento e o de todo o equipo de goberno “pola súa boa disposición, colaboración e inmediata resposta”. Rubio pon en valor a implicación amosada polos grupos de Enfermidades Raras, Filoxenómica, Inmunoloxía e Química Coloidal do Centro de Investigacións Biomédicas (Cinbio); dos grupos de Xenética de Poboacións e Citoxenética, Ecoloxía Animal, Xenética e Oceanografía Biolóxica do Centro de Investigacións Mariñas (CIM); dos grupos de Novos Materiais e de Biomarcadores Moleculares; así como ao persoal técnico da Unidade de Xenómica do Centro de Apoio Científico Técnico á Investigación (CACTI). Tamén estende o agradecemento “a todo o persoal sanitario, os verdadeiros protagonistas neste momento, que están loitando moitísimo e con moito esforzo. Verdadeiramente, a axuda que nos podemos prestar é mínima, eles e elas son os auténticos heroes e heroínas desta loita”.

Material por campus

No campus de Vigo xuntáronse 2708 mascarillas de tipo II e IIR, 80 do tipo FPII, 11 gafas de protección, 83800 pares de luvas, 928 batas e pixamas desbotables, 52 monos impermeables, 48 litros de solución hidroalcólica, 500 litros de etanol, 1132 calzas desbotables e 14 litros de desinfectante, entre outros. No campus de Ourense xuntáronse 144 litros de etanol, 14400 pares de luvas, 7 mascarillas FPII e outras 20 caixas de 50 unidades doutro tipo. Ademais, o Servizo de Prevención de Riscos Laborais achegou 180 mascarillas, 1400 pares de luvas e 11 batas. Finalmente, no campus de Pontevedra, o volume de material era pequeno e non pagaba a pena o desprazamento, polo que seguirá dispoñible por se fose necesario. 

Tamén se recolleron Kits PCR para a diagnose de COVID-19 e os seus consumibles, como por exemplo 1000 unidades de Taq e dNTPs e kits de extracción de DNA quiagen (dous kits mini de 50 unidades e 2 kits blood de 50 unidades).

Convocatoria de GAIN para proxectos relacionados co brote de COVID-19

Por outra banda, dende GAIN, a Axencia Galega de Innovación, están tamén a solicitar ao persoal investigador das universidades que deseñe propostas innovadoras en ámbitos directamente relacionados co brote de COVID-19, como novos dispositivos de intervención ou tratamento; solucións innovadoras para fabricación de ventiladores invasivos; equipos de protección individuais ou colectivos; detección e destrución do virus, sistemas de desinfección masivos… Os proxectos deberán ser enviados antes do 27 deste mes de marzo e GAIN seleccionará aqueles que considere viables para ser financiados.