DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Entre as 12 propostas incorpóranse cursos sobre cogomelos, marca persoal e xustiza terapéutica

A programación de obradoiros de extensión universitaria volve á palestra con novidades

A inscrición está aberta a membros da comunidade universitaria e persoas alleas a ela

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Divulgación
  • Cultura
DUVI Ourense 11/09/2019

Co inicio do novo curso académico reiníciase a programación de obradoiros de extensión universitaria do campus de Ourense. A convocatoria arranca este cuadrimestre ofrecendo 12 propostas moi diversas nas que se mesturan iniciativas xa consolidadas, como as aulas de teatro, e novidades centradas nas temáticas dos cogomelos, a marca persoal e a xustiza terapéutica.

Aberta á matrícula tanto de membros da comunidade universitaria como persoas alleas a ela, a convocatoria que agora lanza a Vicerreitoría do Campus de Ourense, con financiamento da Deputación Provincial, inclúe as cinco aulas de teatro e danza que se imparten ao longo de todo o curso académico, tres obradoiros novos e a repetición de catro propostas xa celebradas con éxito en anteriores edicións. En total ofértanse 224 prazas. O prazo de inscrición electrónica ábrese o día 16 de setembro, oscilando o prezo de cada obradoiro entre os 40 e os 80 euros, cun desconto do 35% para os membros da comunidade universitaria.

Tres propostas novas

Este cuadrimestre son tres as opcións que se estrean na programación segundo explica Filemón Rivas, responsable de Actividades Culturais do campus de Ourense. A primeira delas leva por título Identificación práctica de cogomelos. O obradoiro, dirixido pola profesora María Luisa Castro, céntrarase “no coñecemento de conceptos teóricos sobra a macromicoloxía e o emprego de diferentes ferramentas para a identificación práctica de cogomelos”, realizándose en todas as sesións do curso saídas de campo. A segunda das novidades é o obradoiro Mellora a comunicación e crea marca, dirixido polo tamén profesor José Luis Martínez Orge e que ten como obxectivo ofrecer ás e aos participantes “as claves e ferramentas para unha comunicación efectiva presencial e on line que lles axuden a alcanzar o éxito nas súas iniciativas”. Por último, entra na programación a proposta Obradoiro de xustiza terapéutica, que pretende formar ás persoas asistentes “en prácticas fundamentadas no paradigma da xustiza terapéutica, que sostén que o dereito e a aplicación do mesmo ten capacidade para potenciar o benestar das persoas”.

Catro que repiten

Entre as propostas que repiten este cuadrimestre de edicións anteriores están dous obradoiros que xa contan cunha dilatada traxectoria nesta programación. Un deles é o dedicado á gaita galega, ofrecido polo músico Gonzalo Abelairas e no que as e os inscritos, sexa cal sexa o seu nivel de formación neste eido, profundan neste instrumento e en xeral na música tradicional galega. O segundo deles é o Programa mindfulness e benestar, dirixido polo profesor da Facultade de Ciencias da Educación Stuart McNicholls e destinado a iniciar a persoas adultas nesta disciplina en auxe. Tamén volven á programación a proposta Intervencións asistidas por cans e cadelas, dirixida polo profesor de Ciencias da Educación Xosé Manuel Cid e centrada en afondar nos “beneficios do traballo con cadelas/cans tanto en actividades como en terapia e baixo o prisma da educación social”. Por último, retómase a formación de montaxe e mantemento de computadores, dirixida desde a Escola Superior de Enxeñaría Informática polo profesor Javier Rodeiro e que ten como obxectivo amosar ás e aos inscritos “todo o preciso” para que poidan arranxar e ampliar o seu ordenador.

Cinco aulas de teatro e danza

Tamén se convoca agora a matrícula nas aulas de teatro e danza que se imparten ao longo de todo o curso académico no campus de Ourense. Trátase das aulas de teatro Rosaura, aberta ás e aos que se inician nas artes escénicas; Cordelia, destinada ás e aos que xa teñen algo de experiencia, e Maricastaña, para as e os máis avanzados. A estes tres niveis engádeselle a Aula de Teatro Infantil Gepetto. Baixo a dirección de Fernando Dacosta e coa docencia do grupo Sarabela Teatro, as e os participantes formaránse co aliciente de que actuarán nalgunha das principais mostras de teatro da cidade de Ourense ou incluso irán de xira por diferentes puntos da xeografía estatal, como é o caso dos inscritos en Maricastaña. Ademais das aulas de teatro, o campus conta cunha aula de danza contemporánea chamada D-Ou-Tras, impartida polo grupo Traspediante, que tamén ofrece ao seu alumnado a oportunidade de, ademais de formarse, actuar en diversas mostras universitarias.