DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A proba celebrarase o 26 de xullo con formato en liña 

O Torneo internacional de xadrez cidade de Pontevedra, desde a casa

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Deportes
DUVI 15/07/2020

O Torneo internacional de xadrez cidade de Pontevedra súmase á longa lista de eventos deportivos que por mor da pandemia da covid-19 se ven obrigados a  mudar  o seu habitual formato presencial por un virtual. Así, a proba organizada pola Escola Xadrez Pontevedra, coa colaboración do Concello de Pontevedra e a Universidade de Vigo, disputarase o próximo domingo 26 de xullo, de 20:00 a 22:00 horas no portal lichess.org, polo sistema “arena” (xogo sen pausa con acumulación de 2 puntos pola vitoria, 1 polo empate e 0 pola derrota), cun ritmo de xogo de 3 minutos + 2 segundos por xogada. "Neste intre xa temos fortes xogadores titulados confirmados, como o gran mestre español, xogador do equipo olímpico e actual número 5 nacional, Manuel Pérez Candelario; o número 1 do Uruguai, o gran mestre Andrés Rodríguez; o gran mestre arxentino, Diego Flores ou os mestres internacionais Daniel Rivera, Pablo García, Antonio Frois e Jorge Rosito, entre outros xogadores titulados", detalla Pablo García, xerente de  Escola Xadrez Pontevedra.

García, que avanza que a organización está a espera de confirmar a participación de moitos máis xogadores titulados, explica que a nova normalidade obrigou á cancelación dos eventos deportivos da maioría de deportes tradicionais, "pero pola contra, o xadrez está a vivir un auxe sen precedentes, xa que é o único deporte que se pode practicar de xeito non presencial, incluso na súa modalidade profesional". E é que a día de hoxe, segundo apunta o xerente de Escola Xadrez Pontevedra, e sumando tan só os usuarios das tres plataformas de xadrez na rede máis coñecidas, estanse a xogar máis de 40 millóns de partidas cada xornada.

A inscrición aínda está aberta para todas as persoas que desexen participar no torneo internacional, que premiará aos primeiros clasificados.