DUVI

Diario da Universidade de Vigo

SiEM procurará aumentar a presenza de estudantado menos favorecido e grupos subrepresentados

Vigo, única universidade española nun proxecto europeo para facer máis inclusivas as oportunidades de mobilidade internacional 

Tamén traballará na interacción entre alumando estranxeiro e comunidades locais  

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Estudantado
  • Internacional
  • Institucional
Mª del Camen Echevarría DUVI 03/07/2020

Persoas vítimas de violencia de xénero; inmigrantes ou emigrantes retornados; persoas sen fogar ou que habitan nunha infra-vivenda; membros dunha minoría étnica; persoas transexuais ou que están en proceso de reasignación sexual. Estes son algúns exemplos de estudantes pertencentes a grupos desfavorecidos ou pouco representados e que no conxunto do programa Erasmus +, unicamente representan o 7% do total do alumando que participa nesta acción de mobilidade internacional. Co obxectivo de ampliar a participación destes colectivos no programa Eramus +, facéndoo máis inclusivo, e tamén de aumentar a interacción entre alumnado internacional e comunidades locais con menos oportunidade para incrementar a integración e o intercambio cultural, naceu SiEM, Social Inclusion and Engagement in Mobility, un proxecto europeo, formulado como “un paso importante para facer máis inclusiva as oportunidades de mobilidade internacional, animando ao alumnado de todas as orixes a estudar, traballar ou facer voluntario no estranxeiro”, explica Maribel Doval, vicerreitora de  Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación da Universidade de Vigo. E é que a institución académica viguesa é a unha das entidades, ademais da única universidade española, que integra esta asociación de colaboración transeuropea entre 
ESN (coordinador do proxecto), UUKi e a Fundación Europea da Universidade, Foro SÍ, Vrije Universiteit Brussel (BE), Masaryk University (CZ), Universidade de Letonia ( LV), ESN España (ES) e ESN France (FR).    

“ A inclusión social é unha prioridade para o próximo programa Erasmus, pero hai moi poucos datos dispoñibles sobre a accesibilidade do programa actual e que medidas se poderían implementar para mellorar o acceso e a participación”, explica Doval, que sinala que o estudantado cunha orixe desfavorecida e procedente de grupos subrepresentados que sae ao estranxeiro, tende a un mellor rendemento académico, ten menores taxas de desemprego e un salario inicial máis elevado que os seus compañeiros que non completaron unha mobilidade.

Unha universidade que celebra a diversidade e centrada en apoiar ás persoas vulnerables 

Tras participar noutros proxectos dirixidos a garantir a igualdade de oportunidades do seu estudantado, como Social Eramus ou MappED!, a UVigo decidiu sumarse ao proxecto SiEM porque “obxectivo último da UVigo e da educación superior en xeral, e de estudar no estranxeiro en particular, é dar forma a unha xeración de europeos e europeas que traspasan as crenzas culturais tradicionais, celebren as diferenzas culturais e apoien a comprensión intercultural mutuo para conformar unha sociedade unida que ofreza espazo para todos”, detalla a vicerreitora. Neste sentido, Doval incide tamén en que a UVigo é unha institución que celebra a diversidade e “está centrada en apoiar ás persoas máis vulnerables da nosa comunidade para garantir a igualdade de oportunidade, aliñando as súa políticas e accións á Axenda 2030 e este é un proxecto que na liña do SDG 4 (Educación de calidade), 10 (Redución de desigualdades) e 16 (Paz, xustiza e institucións sólidas). 

Para participar neste proxecto, que introducirá melloras nos servizos existentes, persoal técnico de diferentes unidades e servizos da UVigo tomar parte nesta iniciativa, co apoio da estrutura da Vicerreitoría e da Oficina de Proxectos Internacionais, coordinada por Amelia Rodríguez e que tamén inclúe ao director da Área de Benestar, Saúde e Deporte, Javier Rial, e ao xefe da Área de Servizos á Comunidade, Horacio Villar.

Deseño de instrumentos de avaliación, organización de grupos focais ou visitas de estudo 

A participación da Universidade de Vigo no proxecto SiEM tradúcese en tarefas específicas como participar no deseño de instrumentos de avaliación, organizar grupos focais e visitas de estudo, implementar recomendacións de informes e participar no desenvolvemento da plataforma de medición de impacto, entre outros. Tarefas. “Cabe destacar o noso traballo en dous compoñentes de investigación, un centrado na análise de datos cuantitativos e o outro en estudos de caso a través de visitas a sitios, e grupos focais e entrevistas con estudantes de grupos menos representados. Despois faremos recomendacións e unha fase de probas na nosa universidade, despois da cal organizaremos mobilidade a curto prazo para estudantes de grupos menos representados na UVigo, co fin de crear módulos de obradoiros sobre mobilidade, internacionalización, aprendizaxe intercultural e diversidade”, enumera Doval, co desexo de que todos os  coñecementos que se adquiran se devolvan para que UVigo estea mellor equipada para dirixir unha mensaxe inclusiva a estudantes procedentes de orixe desfavorecida.

Este traballo continuará cunha rolda de aplicación máis ampla, que implicará a todas as universidades socios e organizacións locais de xuventude que traballen cos resultados e recomendacións do proxecto, para fomentar a interacción entre a mocidade local de grupos menos representados e estudantes internacionais con experiencias de mobilidade. Ademais para medir o impacto destas actividades na UVigo, desenvolverase unha ferramenta de medición de impacto social para extraer conclusións e recomendacións que se poidan difundir nos sectores europeos da educación superior e da mocidade.