Acreditación institucional

UVigo - Quality 29/03/2019

O Consejo de Universidades acaba de resolver que estimará as solicitudes de acreditación institucional de doce facultades e escolas da Universidade de Vigo.

Estas son a Escola Superior de Enxeñaría Informática, a Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo, a Facultade de Dereito, a Facultade de Ciencias da Educación e a Facultade de Historia do campus de Ourense; a Facultade de Bioloxía, a Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, a Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía, a Facultade de Filoloxía e Tradución, a Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo e a Facultade de Química do campus de Vigo; e a Escola de Enxeñaría Forestal do campus de Pontevedra.

Estas solicitudes contaban co informe previo favorable da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG), que constatou que todos os centros cumprían as condicións esixidas: posuír a certificación da implantación dun sistema de garantía de calidade e garantir que polo menos a metade das súas titulacións oficiais de grao e a metade das de mestrado renovasen a súa acreditación na data da solicitude.

Este procedemento especial integra e simplifica os procesos de calidade nas facultades e escolas. Ademais, mentres manteña os seus efectos, permítelle á universidade renovar a acreditación das titulacións oficiais de grao e mestrado baixo a súa responsabilidade nestes centros sen precisar someterse ao proceso de renovación ordinario. As titulacións de cada centro acreditado incorporarán como data de renovación da acreditación no Rexistro de Universidades, Centros e Títulos (RUCT) a correspondente á da resolución de acreditación institucional do Consejo de Universidades, que terá unha validez de cinco anos, renovable en ciclos de igual período.

Máis información sobre este  programa aquí.

Para máis información:

Área de Calidade
uacalidade@uvigo.es
+34 986 813 447