DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Desenvolvendo investigacións que o seu alumnado presentará en xuño na EE Forestal

13 centros educativos participan na sétima edición de Pontenciencia

O proxecto bota a andar coa celebración dos obradoiros sobre o método científico

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Divulgación
  • Académica
DUVI Pontevedra 22/01/2020

Estimular a participación cidadá nos procesos científicos e facer visible a ciencia entre os nenos e nenas son dous dos obxectivos de Pontenciencia, un proxecto impulsado pola Concellería de Educación coa colaboración da Universidade de Vigo, que nestas semanas bota a andar a súa sétima edición. Faino cos obradoiros de formación no método científico que nestas semanas se celebrarán nos 13 centros educativos que neste 2020 participan nunha iniciativa que conta co financiamento da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (Fecty) e que levará aos e ás escolares a desenvolver unha serie de investigacións que, os días 5 e 6 de xuño, deberán defender na Escola de Enxeñaría Forestal, nunha nova edición da Feira da Miniciencia.

O obxectivo destes talleres é explicarlles aos e ás escolares de primaria e as súas familias como desenvolver unha investigación e, ao mesmo tempo, facilitar a súa participación na Feira da Miniciencia. Segundo informou o Concello, desenvolveranse nestes días dous tipos de obradoiros, uns destinados a escolares de 5º e 6ª de primaria, que participarán na feira cos seus centros escolares, e outros dirixidos ás familias que queiran participar nesta feira cos seus fillos e fillas de entre 7 e 12 anos. Esta serie de accións formativas leváronse a cabo xa no CEE Pontevedra, no CEIP Plurilingüe Froebel, no CPR Salvador Moreno e nos CEIP de Marcón, Cabanas e A Xunqueira II e continuarán nas próximas semanas nos CEIP San Martiño, San Benito de Lérez, Ponte Sampaio, no CEP Marcos da Portela, no CPR San José e nos plurilingües Sagrado Corazón de Os Praceres e Pontevedra Leste. 

Propostas de investigación saídas do campus

En paralelo a estes obradoiros, estanse a constituír nestas semanas os comités científicos desta sétima edición de Pontenciencia, integrados por docentes das diferentes facultades e escolas do campus, así como por investigadores do CSIC, que se encargarán de achegar unha serie de propostas de investigación aos e ás escolares participantes. Os integrantes destes comités serán tamén os responsables de avaliar, na Feira da Miniciencia, os proxectos que presenten ne xuño na Escola de Enxeñaría Forestal tanto o alumnado de primaria, a través das categorías Ciencia no cole e Ciencia en familia, como de secundaria, ao que van dirixidos os Premios de Investigación Homenaxe á muller investigadora.