DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O campus de Vigo celebrou este xoves o acto de benvida para o alumnado do segundo cuadrimestre

644 estudantes internacionais elixen a UVigo para completar a súa formación

Os principais países de orixe son Alemaña, Italia, México e Francia

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Estudantado
  • Internacional
  • Estudantes
DUVI 27/02/2020

Alemaña, Italia, México e Francia son os principais países de orixe do alumnado estranxeiro que neste curso completa os seus estudos nos tres campus da Universidade de Vigo. En total, son 644 mozos e mozas de catro continentes os que elixiron a UVigo para estudar, 108 durante todo o ano, 290 no primeiro cuadrimestre e 246 no segundo. A estes últimos a institución académica deulles a benvida hoxe xoves cun acto informativo no paraninfo do edificio Ernestina Otero, cun petisco posterior no Teatro Vidal Bolaño para fomentar a relación entre eles. A vindeira semana terán lugar os actos en Pontevedra, o luns, e en Ourense, o martes.

María Isabel Doval, vicerreitora de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación, foi a encargada de darlles a benvida á que será a súa casa nos vindeiros meses en nome do reitor, Manuel Reigosa. “Estamos moi contentes de que teñades elixido a nosa institución para estudar e continuar coa vosa formación”, sinalaba ao tempo que os animaba a aprender un pouco de galego, “iso fará que crezades como estudantes cunha mentalidade multilingüe e moito máis internacional”. 

Da cifra total de 644 estudantes internacionais, 395 chegan ao abeiro do programa Erasmus e outros 164 grazas a convenios bilaterais, aos que se suman as bolsas Santander, acordos de recoñecemento de estudos, Erasmus Prácticas, ISEP, etc. Por campus, a distribución mantén a estrutura de anos anteriores, na que Vigo segue a ser o principal receptor, con 483 estudantes, seguido de Pontevedra con 96 e Ourense con 65. No que se refire á procedencia, de Alemaña chegan 92 estudantes, de Italia 84 e de Francia 63. Pero o interese por estudar na UVigo segue tamén a crecer entre os países de América Latina e, de feito, o terceiro país con máis presenza é México, con 67 estudantes, mentres que de Brasil proceden outros 48.

Benvidas e benvidos a unha universidade humana

Ao longo do acto, as e os novos estudantes recibiron información sobre as actividades culturais, deportivas, servizos de apoio académico, programas de voluntariado, etc. A vicerreitora Doval fixo fincapé en que a UVigo é unha universidade humana, que celebra e acolle a diversidade e todos os seus sentidos” e realizou un percorrido polos tres campus, as súas titulacións, o patrimonio natural e a oferta turística e cultural que ofrece tanto Galicia como o norte de Portugal. 

Explicoulles que a UVigo conta con máis de 21.000 estudantes de grao, mestrado e doutoramento, 2300 PDI e 700 PAS, 125 títulos oficiais e 36 programas de doutoramento, así como “unha infraestrutura de virtualización da ensinanza e de teleformación das máis avanzadas de Europa, practicamente todas as materias teñen un repositorio dixital ao que ides ter acceso”. No que se refire á I+D, remarcou que a Universidade conta con cinco centros tecnolóxicos, 200 grupos de investigación e máis de 24 millóns de euros de recursos captados, así como 200 patentes e 30 empresas de base tecnolóxica.

Case medio milleiro de estudantes estranxeiros este curso no campus de Vigo

Con case medio milleiro de alumnos e alumnas estranxeiras, 483 en concreto, o campus de Vigo é o máis internacional da Universidade de Vigo, en boa medida, grazas ao tirón da Facultade de Filoloxía e Tradución, centro elixido por 153 estudantes de intercambio e tamén da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, á que chegan 107, seguidas da Escola de Enxeñería Industrial, con 80 alumnos e alumnas de intercambio. Dos 483 estudantes, 77 están en Vigo durante o curso completo, 225 estiveron no primeiro cuadrimestre e 181 comezan agora a súa estadía ata o verán. No campus repítese o esquema xeral da Universidade respecto da procedencia, xa que o país con máis presenza é Alemaña, de onde proceden 83 mozos e mozas, seguido de Italia con 69. Outras da procedencias máis destacadas son Francia con 50 estudantes, México con 42, Polonia con 37, Brasil con 27 e Portugal con 25.

Para a maioría esta é a súa primeira visita a España, como é o caso de Monica Pitlanicova, que acaba de chegar de Eslovaquia e apenas fala aínda nada de español ou galego, pero se amosa encantada de que o seu destino sexa Galicia. Acudiu ao acto de benvida acompañada por dúas novas amigas, a finlandesa Hanna Haarnio e a francesa Célia Gallon, estudantes ambas de Filoloxía Hispánica e que levan en Vigo desde o inicio do curso. “A experiencia está a ser estupenda, as dúas estamos moi contentas de estar en Vigo”, explica Haarnia en perfecto castelán. “Levo moitos anos estudando este idioma e hai xa anos realicei unha estancia dun ano en Arxentina”, explica a estudante da FFT. No caso da súa compañeira Célia Gallon, o seu primeiro contacto coa lingua española foi a través dunha alumna mexicana que viviu na súa casa durante uns meses cando estudaban no instituto. “Ela foi a que me aprendeu esas primeiras palabras neste idioma e, a partir de aí o meu interese foi en aumento”, continuou.

De México precisamente chegaron Gina González e Andrea Moralí, estudantes do Grao en Comercio da EU de Estudos Empresariais. “Esta é a primeira vez que visitamos España e de Galicia non coñeciamos absolutamente nada”, recoñeceron ambas. Nativas de Saltillo, a cidade con máis habitantes e capital do estado de Coahuila de Zaragoza, no norte de México, levan un mes vivindo en Galicia e o que máis lles sorprendeu “é a seguridade e orde que hai na cidade, podes moverte por onde queiras sen ningún problema, o tráfico discorre con total normalidade... todo parece que está onde ten que estar”. Con respecto ao sistema docente atoparon grandes diferencias entre o mexicano e o español “sobre todo no que se refire ao sistema de avaliación, pois alí non che dan a posibilidade da avaliación continua, nin se marca tanto a diferencia entre a práctica e a teoría”.

125 estudantes propios en Italia 

A vicerreitora María Isabel Doval aproveitou o acto para facer unha chamada á calma en relación á expansión do covid-19. “Algúns de vós estades vivindo situacións de nerviosismo, pensado no que está pasando nos vosos países de orixe, sobre todo os que procededes de Italia, pero queremos transmitirvos tranquilidade, porque a mensaxe que se está lanzando é, ás veces, demasiado alarmista; o noso alumnado en Italia, Corea do Sur e China está perfectamente ben e estamos seguros de que as vosas familias tamén o están”. 

En total, a Universidade de Vigo ten actualmente 125 estudantes repartidos por universidades italianas e, polo momento, non hai constancia de que ningún iniciase os trámites para regresar a Galicia. A Oficina de Relacións Internacionais está en contacto con todos e todas para o que precisen e a recomendación que se lles traslada é que sigan as instrucións das universidades de acollida e tomen as medidas de precaución recomendadas como preventivas: lavar as mans con frecuencia e tapar a boca ao esbirrar ou tusir co cóbado. Tamén fan un chamamento á tranquilidade porque, lembran “os casos mais graves son en persoas maiores con problemas respiratorios e patoloxías previas”.