DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Dirixidas a facilitar a integración do alumnado internacional, este ano a oferta alcanzou as 150

Aberto o prazo para que os docentes inscriban as súas materias no catálogo English Friendly

As persoas matriculadas teñen acceso ás titorías, exames e a todo o material en inglés

Tags
  • Estudantes
  • PDI
  • Vigo
  • Estudantado
  • Internacional
  • Académica
D. Besadío DUVI 30/06/2020

Dentro do proceso de internacionalización e co obxecto de aumentar a presenza do inglés na universidade e facilitar a recepción de estudantes estranxeiros, a UVigo abriu hai uns días o prazo para que aqueles docentes que estean interesados poidan inscribir as súas materias no catálogo English Friendly, materias de graos oficiais da Universidade de Vigo que se imparten en castelán e/ou galego, pero nas que os seus profesores adquiren toda unha serie de compromisos, incluído facilitar materiais e referencias bibliográficas para o seguimento da materia en inglés, atender as titorías e, incluso, deseñar e implementar probas e avaliacións neste idioma.

O carácter English Friendly da materia debe estar indicado na súa guía docente, documento que, ademais, o alumno internacional pode consultar integramente en inglés. O curso pasado a oferta de materias deste tipo alcanzou case as 150 en escolas e facultades dos tres campus e a previsión é ir ampliando a oferta. Neste sento, os docentes interesados en inscribir as súas materias neste catálogo deben cubrir o correspondente formulario antes do vindeiro 15 de xullo.

Pioneiros en Galicia na implantación deste tipo de catálogo

A Universidade de Vigo foi pioneira en Galicia na implantación deste tipo de catálogo. Fíxoo por primeira vez o curso pasado, collendo como exemplo outras experiencias exitosas que se desenvolveron noutras universidades españolas (País Vasco, León, Burgos, La Rioja...). Tratábase de pór en marcha unha nova ferramenta dirixida a facilitar a integración do alumnado internacional na propia Universidade de Vigo, unha axuda non só para o alumnado de fala inglesa, senón para calquera moza ou mozo europeo ou asiático que queira mellorar o seu español pero coa seguridade de que non vai ter problemas para realizar o seguimento das clases. “Foi a primeira vez que se lanzou esta convocatoria e a resposta do profesorado foi moi positiva”, subliñaba nese intre a vicerreitora de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación, Maribel Doval, ao tempo que explicaba que esta iniciativa foi “especialmente ben recibida” entre o profesorado que xa ofrecía por propia iniciativa ese reforzo en inglés “tanto en forma de titorías, como de materiais e de posibilidade de avaliación nesa lingua aos estudantes de intercambio que o precisaban, pero sen que constase de forma oficial”.

Este curso impartíronse integramente en inglés máis de 200 materias

Ademais das English Friendly, a Universidade dispón tamén dun amplo catálogo de materias que se imparten integramente en inglés. Este ano foron máis de 200, contabilizando, dunha banda, a oferta de materias de grao incluídas dentro do Plan de Internacionalización (115 no campus de Vigo –sen contar centros adscritos-, 13 no de Pontevedra e dez no de Ourense) e, da outra, as arredor de 80 disciplinas que se imparten neste idioma nos diferentes mestrados.