DUVI

Diario da Universidade de Vigo

‘Ardentía’, un campus para experimentar a creatividade ao abeiro do festival SinSal

Ata o 24 de xullo desenvolverase o Campus Illa de San Simón

Alumnado da Universidade de Vigo traballará coa luz como materia prima

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Estudantado
  • Estudantes
DUVI 24/07/2019

Case unha vintena de alumnos e alumnas das facultades de Ciencias Sociais e da Comunicación, Belas Artes e tamén da Escola Superior de Arte Dramático de Galicia danse cita, do 22 ao 24 de xullo, no Campus Illa de San Simón para traballar xuntos no desenvolvemento de proxectos creativos que xurden arredor dos distintos usos da luz. Nesta nova edición do campus que se desenvolve ao abeiro do festival SinSal, o título escollido foi Ardentía, unha referencia ao fenómeno da luminescencia mariña, xa que a luz é o “material” no que se concretarán as creacións do alumnado. Así, a partir de obradoiros específicos de achegamento a tecnoloxías de iluminación e videomapping, planearanse proxectos que se relacionan coa memoria, a historia, a transmisión e o mar nun escenario privilexiado como é a illa de San Simón. 

Dous obradoiros para crear con luz

O Campus Illa de San Simón, coordinado polos docentes da Universidade de Vigo Ignacio Barcia, Oswaldo García e Fernando Suárez, enfronta a creación a través de dous obradoiros diferentes pero que se complementan entre eles. No primeiro, impartido por Alejandra Montemayor, iluminadora profesional, o alumnado coñecerá algúns dos aspectos básicos da luz, reflexionando sobre a súa significación en diferentes eidos (escénico, arquitectónico ou artístico) e analizando distintos proxectos sobre light-art, unha forma de arte aplicada na que a luz é o medio principal de expresión. Este curso rematará cunha práctica nocturna na que se intervirán diferentes espazos da illa de San Simón. 

Por outra banda, Laura Iturralde, artisa audiovisual galega, impartirá un curso sobre videomapping, unha técnica artística que emprega proxectores de vídeo para despregar imaxes sobre superficies reais e lograr así unha conexión entre arte, sociedade e tecnoloxía. Neste obradoiro, as e os alumnos aprenderan os fundamentos necesarios para desenvolver un proxecto con vídeo en vivo, así como as súas distintas aplicacións nas artes plásticas e do espectáculo. No caso deste obradoiro, a idea é utilizar a memoria histórica da illa de San Simón como fío conductor para a creación dun pequeno proxecto de videomapping

O arte non queda só na illa

As obras elaboradas polos participantes nos obradoiros poderán contemplarse durante a celebración do festival SinSal entre o 25 e o 28 de xullo. Ademais, nesta ocasión, o Campus viaxará fora da illa, xa que o Museo do Mar de Vigo acollerá, os días 7 e 8 de setembro, os resultados do traballo desenvolto polo estudantado durante a súa estancia en San Simón.