DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Permanece aberta a inscrición nesta iniciativa formativa para toda a cidadanía

A Aula de Música Tradicional busca proxectarse fóra do campus

A formación correrá a cargo do gaiteiro Suso Vaamonde

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Música
  • Cultura
DUVI Pontevedra 18/09/2019

Por terceiro curso consecutivo, o campus contará cunha Aula Permanente de Música Tradicional Galega, aberta tanto á comunidade universitaria como ao conxunto da cidadanía e dirixida tanto a persoas que queiran iniciarse no manexo de diferentes instrumentos populares como a aqueles e aquelas que queiran ampliar os seus coñecementos. Desde esta semana permanece aberto o prazo de inscrición nesta actividade, que conta con 40 prazas e na que a docencia correrá a cargo do gaiteiro, profesor e experto en música tradicional Suso Vaamonde. “Despois de tres anos funcionando, a nosa intención é consolidar un grupo estable e empezar a ter visibilidade fóra da Universidade, amosarlle á sociedade de Pontevedra que existe no campus esta posibilidade de aprender a tocar diferentes instrumentos”, salienta o responsable da aula, que desenvolverá a súa actividade nas tardes dos luns na Escola de Enxeñaría Forestal.

Con ese obxectivo, na programación desta actividade figura de feito a organización de diferentes concertos, así como outra serie de actividades como unha visita ao obradoiro de gaitas Gil, de Ponteareas. Con inscrición por cuadrimestres e un prezo de 26 euros para integrantes da comunidade universitaria e de 40 para o público en xeral, esta aula permanente retomará a súa actividade o 30 de setembro. Farao cunha primeira sesión a que Vaamonde achegará unha serie de instrumentos populares galegos co propósito de pór de relevo outro dos obxectivos da actividade, “o de rachar esa primeira barreira de ter acceso ao descubrimento e o manexo de instrumentos que poidan resultar interesantes”, desde as habituais gaitas, zanfonas, frautas ou diferentes tipos de percusións, “a outros menos coñecidos, como birimbaos, requintas, asubíos...”.  

“Para nós é unha actividade fundamental, defender a cultura propia forma parte da xenética da Universidade”, salienta o vicerreitor do campus, Jorge Soto sobre unha actividade para a que mantén aberta a súa inscrición, ata completar prazas, na plataforma Culturxest. “A música é unha canle básica para achegarnos á comunidade universitaria”, engade Soto sobre unha iniciativa "para a que contamos cun dos mellores músicos que traballan na difusión da nosa cultura inmaterial” .

Para comezar, avanzar e probar

Con 28 sesións programadas ao longo dos dous cuadrimestres, trátase dunha aula “dirixida a calquera cidadán ao que lle apeteza aprender a tocar instrumentos populares”, como subliña Vaamonde, quen foi profesor de música tradicional no Igaem, na Agadic ou no Centro Coreográfico Galego, ademais de contar tamén cunha ampla traxectoria como músico en formacións como Vaamonde, Lamas & Romero, Luva Verde, Lelia Doura ou Cantata Vernácula.  Con esa idea, as clases organizaranse en pequenos grupos divididos tanto por tipo de instrumentos como polo nivel dos e as asistentes, de tal xeito que sexa posible tanto a iniciación como o perfeccionamento. Este traballo por grupos combinarase, mantendo a estrutura da anterior edición, “cunha hora central na que nos reuniremos todos para comezar a configurar un repertorio e pór en común todos os temas nos que vaiamos traballando”, explica Vaamonde, que toma este curso o relevo do músico e docente Luís Sánchez Bolón á fronte desta actividade.