DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Docente da Área de Fisioloxía Vexetal, formaba parte do actual equipo directivo da facultade

Bioloxía celebrará o luns eleccións a decanato con Mercedes Gallardo como única candidata

Jesús Míguez, no cargo desde 2012, levaba xa varios meses en funcións ante a ausencia de candidatos

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Democracia
  • Institucional
D. Besadío DUVI 04/12/2019

A profesora da Área de Fisioloxía Vexetal Mercedes Gallardo encabeza a única candidatura ás eleccións a decanato da Facultade de Bioloxía. A cita será o vindeiro luns día 9 de decembro e chega tras varios meses como decano en funcións do profesor Jesús Míguez, quen, tras finalizar o seu mandato en marzo deste ano, se viu obrigado a prolongar a súa etapa á fronte do decanato ante a ausencia de candidatos a substituílo no cargo.

“Xa en funcións o decano procedeu a convocar recentemente novas eleccións e tampouco parecía haber iniciativas para cubrir este posto. Neste contexto sentín que era a miña obrigación tentar organizar unha candidatura que puidese dar unha saída razoable a esta situación e, neste senso, recibín numerosos apoios que me axudaron a concretar a decisión”, explica Gallardo, quen xa formaba parte do equipo decanal que dirixiu a facultade nos dous últimos mandatos –desde setembro de 2012-.

Como vicedecana o seu labor centrouse no ámbito da xestión da calidade nas titulacións do centro e en diferentes cuestións de carácter académico. “Fixemos un grande esforzo por conseguir de maneira exitosa a renovación da acreditación de todas as titulacións, tanto de grao como de máster, e a certificación institucional en materia de calidade”, explica Gallardo, quen fixo tamén referencia a tarefas relacionadas coa difusión de títulos e a captación de alumnado ou a xestión de traballos fin de grao, entre outras cuestións. “Penso que coñezo ben a facultade e as súas titulacións e que a miña experiencia previa na xestión facilitará poder continuar o labor que se fixo nos últimos anos”, explica a candidata.

Un equipo continuista do que forma parte o actual decano

Acompáñana na candidatura varios membros do actual equipo directivo do centro, entre eles o actual decano en funcións, Jesús Míguez, cuxa experiencia na dirección e visión da xestión do centro está segura que lle será de grande axuda. Tamén continúan Fuencisla Mariño, vicedecana de Alumnado e Organización Docente, e Manuel Ángel Pombal, responsable da xestión das prácticas externas e a mobilidade. A intención inicial era que tamén continuase no seu cargo Aida García, secretaria da facultade durante estes dous últimos mandatos, “tempo no que fixo un gran traballo moi apreciado por todos”, pero finalmente non puido ser e incorporaron para esa función ao profesor Emilio Gil, da Área de Bioquímica.

“Penso que conxugamos a experiencia na xestión, coas gañas de mellorar e a firme vontade de traballar polo centro”, explica Gallardo, quen fai especial énfase en que queren ser un equipo sólido, pero tamén aberto a suxestións e disposto a mellorar a eficiencia na xestión decanal. “Este labor a miúdo asusta polo que significa de dedicación e responsabilidade, aínda que tamén dá satisfacción cando os resultados son bos e os distintos colectivos do centro apoian o labor desempeñado”, reflexiona.

Afrontarán a posible modificación do plan de estudos do grao

De conseguir o apoio da Xunta de Facultade, o novo equipo decanal centrarase de inmediato nos labores relacionados coa posible modificación do Grao en Bioloxía para incluír, se así se decide, as mencións que se propuxeron hai uns meses en resposta á demanda que fixo a Secretaría Xeral de Universidades en relación cos títulos repetidos do Sistema Universitario Galego. “En este tema preguntaremos á Xunta de Facultade para iniciar as accións necesarias que cremos pasan inicialmente por definir unha comisión técnica para a modificación do plan de estudos”, explica a docente, ao que engade que, en caso de chegar a acordo, deberanse establecer os mecanismos para redefinir as competencias e asignalas debidamente ás materias.  “Si de decide empezar este proceso, será longo, polo que convén analizar os prazos e definir ben o camiño a percorrer”, recalca a candidata.