DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O galardón, na categoría científica, recoñece o carácter innovador do proxecto 

Campus do Mar recibe un Premio ADENEX polo seu proxecto ‘Oceans of Plastic’

A iniciativa achega recursos gráficos para o profesorado e o público en xeral

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Divulgación
  • Medio Ambiente
  • Premios
  • Investigación
DUVI 19/11/2019

Galardón ao proxecto Oceans of Plastics do Campus do Mar pola súa innovación na loita contra a contaminación mariña por plásticos. A Asociación para a Defensa da Natureza e os Recursos de Estremadura concedeu o Premio ADENEX 2018 no apartado científico a esta iniciativa, que naceu co obxectivo de informar, alertar e sensibilizar á sociedade sobre o uso excesivo de plásticos e o impacto que este tipo de residuos teñen no medio mariño. “Este premio supón un recoñecemento ao esforzo que o Campus do Mar fai para xerar retornos á sociedade aumentando o coñecemento que ten do medio mariño”, salienta Daniel Rey, director do Campus do Mar, quen recolleu o galardón en Plasencia acompañado do coordinador do proxecto, Jorge de los Bueis.

Con este galardón ADENEX recoñece a importancia que ten para a Universidade de Vigo “o desenvolvemento de recursos para pór a disposición do público e dos profesionais da educación como iniciativa para conseguir que a sociedade coñeza unha problemática ambiental tan importante como a dos plásticos mariños e adopte hábitos máis sustentables”. No intre de recoller o premio, Daniel Rey agradeceu a colaboración no proxecto da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología del Ministerio de Economía, Industria y Competitividad (Fecyt) e destacou a divulgación científica mariña como “unha ferramenta poderosa para conseguir que o coñecemento que xeramos nas universidades, e que non é propiedade nosa, chegue á sociedade e consiga sensibilizala e que haxa un cambio de hábitos”.

Recursos gráficos de alta calidade e cientificamente rigorosos

Un equipo multidisciplinar, formado por especialistas en Didáctica das Ciencias, Belas Artes, Comunicación e Ciencias Mariñas da Universidade de Vigo e do Instituto Español de Oceanografía converteu, en Oceans of Plastics os datos máis relevantes das investigacións sobre o impacto dos plásticos no eido mariño en recursos gráficos de alta calidade e cientificamente rigorosos dirixidos, tanto ao público xeral, como ao profesorado, para que aborde nas aulas a realidade do impacto dos plásticos nos océanos. O resultado foron unidades didácticas, ilustracións e gifs animados que converten o coñecemento científico en contidos comprensibles polo público en xeral sobre un problema moi actual.

Todos os recursos gráficos xerados polo proxecto están dispoñibles de xeito gratuíto e en aberto na web de Oceans of Plastics.