DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na cita participan arredor de 200 especialistas de 50 universidades

O campus, sede por un día do XX Coloquio de Historia da Educación

A sede principal da actividade é Monforte de Lemos

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Congresos e xornadas
  • Divulgación
  • Investigación
Rosa Tedín DUVI Ourense 11/07/2019

O XX Coloquio de Historia da Educación. Identidades, internacionalismo, pacifismo e educación (séculos XIX e XX) que desde o día 9 e ata o 12 de xullo se celebra en Monforte de Lemos trasladou este xoves a súa actividade ao campus de Ourense. A cita, organizada pola Sociedade Española de Historia da Educación, as tres universidades galegas e as universidades de Lisboa, Florencia e Santa Catarina do Sul, reúne a arredor de 200 especialistas en historia da educación de 50 universidades.

A visita ao campus de Ourense produciuse co gallo de que a presidencia do comité organizador do coloquio recaeu nesta edición en Xosé Manuel Cid, vicedecano da Facultade de Ciencias da Educación ourensá. Sobre o desenvolvemento da actividade, Cid salientou este xoves a elevada cifra de asistentes e o feito de que “contamos con participantes de todas as universidades do estado e representacións de Brasil, Portugal, Chile, Arxentina, México, Italia, Países Baixos, Paraguai, Xapón e China”. Do programa destacou a súa diversidade temática e amplitude, xa que conta, ademais de con tres conferencias, dous simposios e dous talleres, con 117 comunicacións.

Como presidente da Sociedade Española de Historia da Educación, Eugenio Manuel Otero, profesor da Universidade de Santiago de Compostela, salientou pola súa banda como esta cita xorde da colaboración entre as tres universidades galegas e como nela “reunímonos profesionais de toda España e colegas de diferentes países”, pondo o aceno en como esta edición é a primeira que ten un carácter internacional.  Da cita, Joaquim Pintassilgo, profesor da Universidade de Lisboa, presidente da Sociedade Portuguesa de Historia da Educación e coordinador da participación lusa no coloquio, recalcou a importancia destes encontros entre especialistas de diferentes países para o intercambio de coñecementos e experiencias. "Desde mediados dos anos 90 vimos colaborando cos colegas españois de historia da educación e temos unha relación privilexiada", afirmou. Pola súa banda, Gianfranco Bandini, profesor da Universitá degli Studi di Firenze e membro tamén da organización, subliñou a importancia da historia da educación facendo fincapé en como sen ela "non é posible afrontar ben unha serie de problemas que temos hoxe en día, como pode ser a gran diversidade na nosa sociedade e nas escolas". A historia da educación, afirmou o profesor italiano, "pode ser extremadamente útil para facilitar a convivencia pois permite entender, por exemplo, as tradicións educativas diversas”. 

Desde o tardofranquismo ás TIC

A xornada celebrada no campus de Ourense contou cun intenso programa de presentación de comunicacións e de celebración de simposios e talleres. Así, durante a mañá leváronse a cabo sesións paralelas nas que se falou sobre identidades, internacionalismo e desenvolvemento educativo nos manuais escolares españoles durante o tardofraquismo e a transición democrática e sobre a cultura escolar a través das testemuñas dos docentes. Tamén houbo dous talleres, un sobre propostas didácticas para o ensino-aprendizaxe da historia da educación e outro sobre a educación epistolar na construción dialóxica e colectiva do coñecemento. Xa pola tarde a programación na Facultade de Ciencias da Educación inclúe un amplo programa de comunicacións arredor dos tres eixes do coloquio, como son as identidades, o internacionalismo e o pacifismo. A muller rural no Carballiño desde o tardofranquismo ata finais do século pasado; as carencias no ensino da Xeografía en Galicia na segunda metade do século XX; España como nexo entre Europa e Latinoamérica na comercialización de material escolar e a evolución das TIC na educación e a internacionalización do coñecemento son algúns dos temas incluídos na sesión da tarde.

“A temática deste ano do coloquio procura afondar en como se foron configurando no século XIX e XX, coa escolarización universal, os sistemas educativos nacionais, cuns proxectos curriculares moi etnocéntricos e ata patrióticos”, explicou Xosé Manuel Cid. No medio desa tendencia xeral, apuntou, xurdiron tamén movementos desde organizacións como a Unesco que pedían “un pouco de prudencia” neses curriculums buscando unha perspectiva máis internacional e pacifista e evitando as referencias a outros países e á súa historia que puidesen incitar ao odio ou á confrontación. “Falamos polo tanto dun tema de historia da educación pero tamén dun tema que non perdeu actualidade ningunha”, afirmou o profesor do campus de Ourense.

Tras esta visita ao campus de Ourense, o venres a actividade do coloquio volverá a Monforte de Lemos, concretamente ao IES Daviña Rey, onde se exporán as últimas comunicacións. Como peche da programación intervirán António Sampaio da Nóvoa, profesor da Universidade de Lisboa e embaixador de Portugal na Unesco, e Alejandro Tiana Ferrer, profesor da Uned e actualmente secretario de estado de Educación e Formación.