DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Facultade de Historia acolleu unha xornada centrada nesta temática

Catro visións sobre as mulleres que entreteñen e as mulleres que se entreteñen na antigüidade

A cita contou coa participación de especialistas en Próximo Oriente, Exipto, Grecia e Roma

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Congresos e xornadas
  • Cultura
  • Divulgación
  • Académica
Rosa Tedin DUVI Ourense 14/10/2019

A Facultade de Historia do campus de Ourense acolleu este luns a celebración da II Xornada olladas á antigüidade. Mulleres que entreteñen e mulleres que se entreteñen. Coordinada pola decana e profesora do centro Susana Reboreda, a cita achegouse ao papel das mulleres en relación ao ocio en diferentes sociedades da man de catro profesoras/doutoras de recoñecido prestixio e expertas na investigación sobre a muller en distintas culturas da historia antiga: Próximo Oriente, Exipto, Grecia e Roma.

A xornada, que contou con financiamento da Unidade de Igualdade de Universidade de Vigo, tivo entre os seus obxectivo, segundo indican desde a organización, “presentar un aspecto reiterado na historia das mulleres en distintos espazos xeográficos como é a función de entreter aos varóns sexa como prostitutas ou con actuacións en público, referíndonos neste caso ás primeiras culturas”. Na súa inauguración, Susana Reboreda explicou como esta iniciativa e outras actividades similares que se organizan ao longo de cada curso académico no centro pretenden “completar a visión xeneralista que ofrece o noso título de Grao en Xeografía e Historia, único en Galicia, abordando contidos que non están nas materias”.

De Mesopotamia a Roma

Agnés Gracia, doutora en Historia e membro do Instituto de Estudos do Próximo Oriente Antigo de Barcelona, foi a primeira das relatoras, ofrecendo unha conferencia titulada De mulleres, farándula e tabernas na antiga Mesopotamia: unha ollada dende os estudos de xénero. “Cando Susana Reboreda nos propuxo a temática da xornada pensei que o alcol, a cervexa, as tabernas, a música... son algúns dos elementos básicos desa distracción e entretemento no que participan activamente as mulleres na antiga Mesopotamia”, apuntou a historiadora sobre a elección do tema da súa conferencia. Neste senso, Agnés Gracia fixo fincapé en adoptar unha perspectiva crítica á hora de abordar o papel da muller na antigüidade. “A historiografía construíu a historia das mulleres que participan nestas actividades vinculada ao sexo e en moitas ocasións vinculada á prostitución. E para iso non temos evidencias. Temos evidencias tenues de sexo nalgúns casos e noutros hai sexo pero non prostitución”, aclarou. A pesar desta falta de evidencias, a historiadora recalcou como se insiste “nunha construción historiográfica determinada, cunha mirada de que fai unha muller cando se vinculada á taberna e que fai unha muller cando se vincula á farándula”. Neste contexto, subliñou o seu interese en alén de “ensinar que hai unha vinculación da muller a estes ámbitos” e suscitar a reflexión sobre “como o temos interpretado e cal é a causa desta mirada un tanto nesgada”.   

Procedente do mesmo Instituto de Estudos do Próximo Oriente Antigo de Barcelona, Núria Castellano, doutora en Exiptoloxía, falou nas xornadas das casas da cervexa no antigo Exipto. “Son unha especie de taberna na cal se bebe moita cervexa, hai música, bailes e tamén hai moito sexo. É un edificio no que hai tanto homes como mulleres consumindo pero tamén rexentando”, indicou. Neste caso, dixo, “trátase dunha institución un pouco curiosa xa que aparece en moitos textos pero realmente sabemos moi pouco das casas de cervexas e tampouco hai unha aseveración do que se facía no interior”, abordando Núria Castellano durante a súa intervención diferentes hipóteses ao respecto.

Pola súa banda, Ana Iriarte, catedrática de Historia Antiga na Universidade do País Vasco, foi a encargada de intervir sobre Animadoras da antiga Grecia nas cidades. Ela falou “do comportamento das músicas nos simposios ou banquetes gregos, onde tiñan a función realmente de animadoras, eran unha institución dos banquetes, aos que ao principio só asistían homes libres”. Durante a súa intervención abordou o rol das diferentes mulleres presentes, desde as de servizo ata as escravas. Por último, Carla Rubiera, investigadora da Universidade de Oviedo, falou sobre Espectáculo e entretemento na Roma antiga: a participación das mulleres. Na súa intervención ofreceu unha panorámica xeral sobre as mulleres asociadas ao mundo do entretemento na Roma antiga, desde promotoras, “para amosar como elas tamén podían costear este tipo de espectáculos para as súas comunidades” ata como partícipes no escenario ou na area, como as gladiadoras, músicas e actrices”.