DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Teñen lugar desde este luns e ata finais de xullo en Fisioterapia, Belas Artes e na EE Forestal

A celebración presencial de 13 exames finais leva de novo alumnado ás aulas

Trátase de probas con poucos estudantes e con características que dificultan a avaliación virtual

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Saúde
  • Académica
DUVI Pontevedra 22/06/2020

Os estudantes do grao en Fisioterapia Belén Gómez e Ismael Carrera convertéronse este luns nos primeiros alumnos da Universidade de Vigo en realizar un exame de xeito presencial despois de que a crise sanitaria xerada pola covid-19 obrigase á suspensión da actividade docente presencial o pasado mes de marzo. O pasado 2 de xuño, o Consello de Goberno aprobou a celebración presencial de exames finais da convocatoria de xullo en 13 materias das titulacións que se imparten nas facultades de Fisioterapia e Belas Artes e na Escola de Enxeñaría Forestal, que cumprían os requisitos esixidos en canto o número de estudantes e a imposibilidade de avaliar as materias sen celebrar unha proba presencial. Concretamente, Fisioterapia acolle ao longo desta semana os exames correspondentes á parte práctica de tres materias e a EE Forestal celebrará tamén tres exames presenciais nesta convocatoria, mentres que, ao longo do mes de xullo, terán lugar na Facultade de Belas Artes sete avaliacións presenciais de materias que requiren a presentación de obras e instalacións ou de prototipos téxtiles.

A primeira destas probas, correspondente á parte práctica da materia Fisioterapia xeral I, desenvolveuse este mediodía nunha facultade que, na presente semana, acollerá outros dous exames presenciais. En todos os casos, explica a decana, Eva Lantarón, trátase das avaliacións correspondentes á parte práctica das materias, “nas que avaliamos habilidades manuais, polo que a mellor forma de facelo é vendo como os alumnos actúan sobre o paciente, mentres que os exames teóricos seguen realizándose de xeito virtual a través do Campus Remoto”. En todos os casos, as e os estudantes acceden aos laboratorios por parellas, de tal xeito que un realizará os exercicios propostos mentres o outro exerce como paciente. “Trátase de exames que realizan moi poucos alumnos”, engade Lantarón, que sinala que as e os estudantes deben realizar as probas cos correspondentes equipos de protección individual, procedéndose á finalización de cada proba á desinfección da padiola na que se levou a cabo. Tralos dous alumnos que se examinaron nesta xornada, tres farano mañá da materia Fisioterapia neurolóxica e especial, mentres que 14 farano entre xoves e venres de Fisioterapia respiratoria e masoterapia especial, nun exame que para garantir as medidas de seguridade, “levarase a cabo en dous días, en dous laboratorios á vez”, explica Lantarón.

Na primeira destas probas, correspondente a unha materia coordinada polo profesor Gustavo Rodríguez, Belén Gómez e Ismael Carrera realizaron en primeiro termo desde as súas casas a proba teórica para despois ser avaliados da parte práctica pola profesora Mercedes Soto. “Saíu todo bastante ben, aínda que estaba un pouco nerviosa”, recoñecía Gómez tras completar unha proba que previamente preparou na súa casa usando aos seus familiares como “pacientes”. Mais ao mesmo tempo, recoñece que pese a dispor de materiais como vídeos e poder realizar titorías, “non poder vir á facultade a practicar antes”, no referido ao manexo de determinadas máquinas e equipamentos, fixo que eses nervios se acrecentaran. Nunha liña similar pronunciábase Carrera, quen recoñecía que ter que facer “un exame de recuperación dunha materia do primeiro cuadrimestre nunha situación diferente á que estás acostumado”, sumado a que o uso de mascarillas ou pantallas protectoras fai que a proba sexa “un pouco máis incómoda” contribuíron a que “se sumen un pouco máis de nervios aos que xa tes por facer un exame”.

Tres exames, tres estudantes

Tamén na presente semana comezarán a desenvolverse na Escola de Enxeñaría Forestal os tres exames presenciais aprobados para esta convocatoria. O primeiro será o da materia Patoloxía e pragas forestais, que require do uso de material de laboratorio e ao que acudirán tres estudantes. As outras dúas probas, das materias de Botánica e Zooloxía, só serán realizadas de forma presencial por unha alumna do Programa de Integración de Universitarios/as con Necesidades Específicas de Apoio Educativo (Piune), que así o solicitou, manténdose a modalidade virtual para o resto de estudantes.

Proxectos artísticos e prototipos téxtiles

No referido a Belas Artes, levaranse a cabo sete avaliacións presenciais ao longo do mes de xullo. Dúas delas, correspondentes ao grao en Belas Artes; as referidas á materia Proxectos de escultura e instalacións, dada a importancia que ten nesta materia o espazo de intervención e a súa transformación, e a defensa de traballos de fin de grao, en ambos casos só para casos concretos, por parte dun número reducido de alumnos. No caso dos TFG, explica o seu coordinador, Juan Loeck, "agárdase que a maior parte dos alumnos e alumnas", presenten os seus traballos "de maneira virtual, como está sucedendo na convocatoria de xuño", mais ofrécéselle tamén a posibilidade de solicitar a defensa presencial, para casos como, por exemplo, os de "instalacións tridimensionais". Nestes casos, as e os estudantes montarán os seus proxectos con antelación "en espazos compartimentados da facultade e non estarán presentes durante a avaliación do tribunal", explica Loeck.

Os outros cinco exames corresponden ao mestrado en Deseño e Dirección Creativa en Moda, que, en casos como os das materias Proxectos de deseño I, Proxectos de deseño II e Procesos de investigación e creación, implican o desenvolvemento de prototipos téxtiles, cuxa selección de materiais, texturas e acabados requiren dunha avaliación presencial. O mesmo acontece coa defensa de traballos de fin de mestrado, que se levará a cabo de xeito presencial tanto en xullo como, principalmente, en setembro. O feito de que o mestrado de Esdemga teña un máximo de 20 alumnos por curso contribúe neste senso a que poidan organizarse as presentacións de forma individual, en diferentes quendas. O mesmo acontece coa materia Laboratorio de materiais, onde se avalían estampacións cuxos detalles non poderían apreciarse de forma virtual e para a que tamén se promoverá unha presentación individual de orixinais.