DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Será os vindeiros días 19 e 20 de febreiro na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais

Chega a II edición do Foro de Emprego coa participación de máis de 30 empresas de distintos sectores

O encontro deixa de enfocarse exclusivamente no alumnado do ámbito xurídico-social, e ábrese ao rest

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Emprender
  • Estudantado
  • Universidade e empresa
  • Institucional
D. Besadío DUVI 14/02/2020

Abanca, aceites Abril, Adecco, Adolfo Domínguez, Bimba y Lola, Cuatrecasas, Deloitte, Garrigues, Nationale Nederlanden… 35 empresas de distintos sectores participarán o vindeiro mércores e xoves na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais na segunda edición do Foro Empleo, unha cita que arrancou en 2019 cun dobre obxectivo: achegar as empresas e despachos profesionais ao alumnado e ofrecerlle a estas firmas a posibilidade de que se dean a coñecer e de captar talento.

Inicialmente o encontro estaba pensando para o alumnado do ámbito xurídico-social, pero, “dado o éxito da primeira edición, decidimos ampliar o obxectivo ao resto de estudantes do campus”, explica o decano da facultade, Jorge Falagán, principal impulsor da iniciativa, quen explica que para lograr este obxectivo se puxeron en contacto con outros decanatos para que fosen eles os que lles indicasen que despachos, empresas e institucións lles gustaría que participasen no foro. “Deste xeito podemos tamén axudar á xeración de sinerxías, xa que para o alumnado da nosa facultade calquera empresa é de interese, sexa do sector que sexa, porque teñen departamentos de dirección e de administración e, ao mesmo tempo, moitas firmas necesitan perfís técnicos que poden satisfacer co alumnado de outras facultades”.

Visita e charlas de emprendedores de éxito 

Ademais dos postos de cada unha das empresas, a cita inclúe tamén múltiples actividades relacionadas coa busca activa de emprego e a situación actual do mercado laboral. Celebraranse múltiples presentacións corporativas e a tarde do xoves está previsto un evento sobre futuras profesións e emprendemento, patrocinado por Zendal –marca que integra as empresas do grupo biotecnolóxico de CZ Veterinaria e Biofabri-, no que se falará sobre as profesións do futuro, facendo especial énfase no Big Data. A esta intervención seguiralle a mesa redonda Novas profesións e emprendemento, como se inflúe desde a universidade,  na que participarán profesionais de distintas empresas que estarán moderados por Pablo Álvarez Freire, adxunto ao director executivo en Zendal. “O que imos facer é aproveitar esta mesa para presentarlle a oportunidade aos alumnos e alumnas da Universidade para que presenten proxectos e ideas de negocio, dos que se escollerán catro ou cinco para realizar un taller especial o próximo mes de xuño”, recalca o decano.

O foro pecharase cunha breve presentación e unha charla entre Lalo García Torres, do Hub de Innovación de Galicia, e Jorge Rodríguez, un dos fundadores de ConverFit, unha idea de negocio xestada na segunda edición da acelerada ViaVigo e que, co tempo, se converteu nunha das máis potentes ferramenta de márketing de personalización, con clientes como Google ou Microsoft. “Creo que este evento é moi importante porque pode animar ao alumnado da Universidade a desenvolver as súas propias ideas de negocio, complementando así iniciativas de emprendemento que desenvolve a propia Universidade como Incuvi”, explica Falagán.

Máis de medio de cento de estudantes colaboran na organización 

Nacido por e para o alumnado, os propios estudantes teñen un papel clave na organización deste foro. “Eles son os verdadeiros artífices de que todo funcione de maneira correcta”, explica Falagán, quen salienta que non ten palabras para agradecer aos 25 alumnos e alumnas que, na anterior edición “de xeito totalmente desinteresado” lle dedicaron moitas horas do seu tempo a organizar o foro. A experiencia foi tamén moi satisfactoria para eles e, de feito, este ano a cita duplicou o número de estudantes implicados na súa organización, sendo xa máis de medio cento de alumnas e alumnos os que están a botar unha man, coordinados neste caso pola estudante de Administración e Dirección de Empresas Eva Nicolás.

As empresas participantes buscan perfís de todos os ámbitos

As alumnas e alumnos interesados en asistir ao foro poden inscribirse na súa web e, neste sentido, desde a organización lembran que, aínda que estea organizado pola Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, diríxese a todos os estudantes da Universidade, pois, como lembra o decano, “as empresas que participan están interesados en perfís de todo tipo, desde o ámbito económico-empresarial, ao xurídico  ou científico e incluso o humanístico, pensando sobre todo no alumnado de Tradución e Interpretación” .