DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Proxectaranse catro obras coa colaboración do Cineclube Padre Feijóo

O cinema documental volve a Ourense da man de 'Docs del mes'

A programación arrancará coa produción 'Womanhood'

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cine
  • Cultura
  • Cultura
DUVI Ourense 09/10/2019

O pasado curso académico, o campus de Ourense, ao igual que os demais campus da Universidade de Vigo, uniuse á iniciativa Docs del mes, que ten como obxectivo achegar o cine documental ao máximo número de espectadoras e espectadores e abrilo a novos públicos proxectando documentais internacionais, de calidade e de temática e procedencia diversa. Este mes a súa programación volve a Ourense da man da Vicerreitoría do Campus e coa colaboración do Cineclube Padre Feijóo.

Esta iniciativa naceu baixo o nome de DocsBarcelona no ano 2004 e na actualidade desenvólvese en máis de 70 salas de España e América Latina baixo a produción da compañía Parallel 40. Con entrada libre ata completar aforo e proxeccións en versión orixinal con subtítulos en castelán, no caso de Ourense os documentais poderán verse na sala do Cineclube Padre Feijóo na Biblioteca Pública de Ourense. “Vimos neste ciclo unha oportunidade de incentivar a asistencia da comunidade universitaria, sobre todo do alumnado, ao cine, colaborando neste caso co Cineclube Padre Feijóo. Tamén nos pareceu moi interesante a aposta que fai polo documental”, comenta Filemón Rivas, responsable de Actividades Culturais no campus de Ourense.

Citas en outubro, novembro e decembro

A programación arrancará o xoves 10, ás 19.30 h, dando visibilidade á problemática da ablación, a través de Womanhood, un documental dirixido pola cineasta de orixe kenyana establecida en Alemaña Beryl Magoko. Premiado en diferentes festivais, o filme preséntase como unha viaxe emocional da propia directora, vítima da mutilación xenital feminina na súa infancia en Kenya. A seguinte cita, o 24 de outubro, porá o foco na suba dos prezos da vivenda coa proxección de Push, un documental do director e xornalista sueco Fredrik Gertten. A través da relatora especial en vivenda da ONU, Leilani Farha, o filme propón unha viaxe por diferentes países tratando que comprender quen está a ser expulsado das cidades e por que.

Xa en novembro, o día 14 chegará a quenda de What Walaa wants, documental no que Christy Garland relata a historia de Walaa, unha das poucas mulleres policía nas forzas de seguridade palestinas. Por último, o 12 de decembro, o Cineclube Padre Feijóo acollerá a exhibición de When tomatoes met Wagner, un documental no que a directora Marianna Economou aborda a historia de dous habitantes dunha illada vila de Grecia que, no contexto da crise económica, deciden pór en marcha unha plantación de tomates orgánicos.