DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun documento que recolle os puntos clave da súa análise da situación

Clivar difunde a postura da comunidade científica española ante a emerxencia climática

No comité español desta iniciativa internacional participa o catedrático Luis Gimeno

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Medio Ambiente
  • Investigación
DUVI Ourense 04/12/2019

Existe “un claro incremento" de temperatura do aire en España durante as últimas décadas e prevese que a final de século o nivel do mar podería subir ata 80-100 centímetros na costa española. Estas son algunhas das afirmacións que recolle un documento divulgativo sobre a análise que fai "a comunidade científica española ante a emerxencia climática" elaborado polo comité de coordinación en España de Clivar, un dos programas da Organización Meteorolóxica Mundial sobre variabilidade climática. Entre os 13 científicos que forman parte deste comité, no que están representados diferentes universidades e outros estamentos españois, está o catedrático da Universidade de Vigo Luis Gimeno.

O documento, dado a coñecer esta semana pola Axencia Estatal de Meteoroloxía, preséntase como o resumo do último informe do comité español de Clivar, titulado Clivar-España: a comunidade científica española ante a emerxencia climática. No texto, coordinado por Luis Gimeno, faise unha síntese divulgativa dos principais resultados dese informe elaborado en 2017 e no que se analiza detalladamente e desde un punto de vista científico o clima en España, completando a parte científica do último informe IPCC das Nacións Unidas. O obxectivo do documento presentado agora, explica o investigador do Grupo Ephyslab da Universidade de Vigo, é tratar de facer chegar á sociedade, desde políticos a centros educativos, cuestións relevantes e xa sintetizadas sobre a situación climática de España nun formato e nunha linguaxe máis adaptados a un público non especializado.

Algunhas tendencias

Entre a información que neste documento a comunidade científica quere trasladar á sociedade están tendencias como que existe “un claro incremento de temperatura do aire en España durante as últimas décadas” e que “non se produciron cambios notables na velocidade do vento pero si nos niveis de humidade relativa, que descenderon de forma xeneralizada nas últimas décadas”. Tamén inclúe que as tendencias en precipitación “non amosan grandes cambios a nivel xeral pero presentan unha elevada variabilidade estacional e espacial” e que os extremos térmicos “téñense incrementado, sobre todo co aumento das ondas de calor”, non asistindo a un aumento xeneralizado dos extremos pluviométricos.

Sobre o clima do futuro, o texto sinala por exemplo que nos modelos rexionais para 2021-2050, os maiores cambios con respecto a 1971-2000 proxéctanse no verán, con incrementos de temperatura entre 1,1 e 2,8 ºC, e descenso de ata o 30% en precipitación, independentemente do escenario de emisións. No caso do océano indícanse cuestións como que se agarda “que a temperatura superficial do mar arredor das costas españolas aumente entre 2 ou 3 ºC a final de século e o que o nivel do mar podería subir ata 80-100 centímetros”.

A iniciativa enmárcase nos obxectivos científicos de Clivar-España, que son os mesmos do proxecto a nivel global e que abranguen describir e comprender os procesos físicos responsables da variabilidade climática; estender o rexistro de variabilidade climática ao longo das escalas de interese mediante a recolección de datos instrumentais e paleoclimáticos de calidade verificada; estender o rango e a fiabilidade das predicións climáticas a escala estacional e interanual mediante a mellora de modelos de clima global e rexional e comprender e predicir a resposta do sistema climático ao aumento na concentración de gases de efecto invernadoiro e aerosois.