DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A iniciativa @proaccionsocial remata este xoves de xeito virtual

Un concerto para pechar tres anos visibilizando a educación social

A través de Instagram alumnado do campus traballou arredor desta área de coñecemento

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Medio Ambiente
  • Música
  • Académica
DUVI Ourense 12/05/2020

No curso académico 2017/2018, no marco da materia de Pedagoxía Social, 70 estudantes e o seu profesor Millán Brea puxeron en marcha o proxecto @proaccionsocial co obxectivo de dar a coñecer e fomentar a reflexión arredor da profesión de educador e educadora social desde dentro. Despois de tres anos de desenvolvemento, que se materializou de cara ao público nun espazo en Instagram, a iniciativa pecha este xoves a súa actividade cun concerto e facendo un balance moi positivo dela. 

O proxecto, comenta o educador social Millán Brea, naceu coa idea de que o alumnado de primeiro curso do Grao en Educación Social da Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense dese a coñecer a profesión para a que se estaba formando ao mesmo tempo que elas e eles mesmos reflexionaban sobre os grandes temas da súa área. Divididos en grupos, o alumnado de cada curso da materia Pedagoxía Social que quixo participar nesta iniciativa tivo que realizar unha imaxe co seu correspondente texto arredor dun tema, sendo publicada finalmente unha selección desas imaxes no perfil aberto de Instagram do proxecto.

Traballando contidos e ferramentas

“O interese polo mundo tecnolóxico e virtual do alumnado máis novo supuxo unha oportunidade a aproveitar no complexo exercicio de transmitir coñecementos, formulando un equilibrio entre o desexo de adquirir as competencias mínimas e transmitilas publicamente coas normas existentes tanto no ámbito virtual como no seu ámbito persoal e social”, comenta o profesor responsable da iniciativa. O perfil creado na rede social, indica Millán Brea, foi de acceso libre para todas as alumnas e alumnos interesados e nel abordáronse, en publicacións e debates, aspectos moi diversos, desde que son a educación social, a pedagoxía social e a educación especializada ata que propostas se poden facer desde a educación social respecto á intervención con mocidade ou a igualdade, entre outros exemplos. 

Ao longo dos tres cursos nos que se desenvolveu esta iniciativa, as e os estudantes, apunta o seu promotor, tiveron a oportunidade de ademais de traballar a propia materia, ter un primeiro contacto coa súa  futura profesión e unha oportunidade para comprender “que somos persoas diversas”. Ademais, engade, permitiulle ás e aos participantes empregar “unha das ferramentas de comunicación máis potente que existe e na que se relaciona a mocidade" para explicar que estudan e en que consiste a súa futura profesión. “A chegada da COVID-19 pon de manifesto que hai profesións que, pese a que no seu ADN teñen o contacto social como base do seu desenvolvemento, deben adaptarse á realidade e dar alternativas de intervención á sociedade...@proaccionsocial é un exemplo de que pese ao cambio, a flexibilidade didáctica é viable”, engade Millán Brea en relación ao contexto actual.

Cinco actuacións 

Será precisamente neste perfil de Instagram onde este xoves 14 de maio a iniciativa botará o peche coa celebración dun concerto no que actuará alumnado e egresados e egresadas da Universidade de Vigo. A partir das 20.00 h as persoas interesadas poderán escoitar de balde a David R. Valeiras, Yara Quevedo, Diego B.F., Raquel González e Aarón Abalo. Trátase, explican os seus responsables, de cinco concertos seguidos que buscan deixar “un bo sabor de boca” ao igual que o fixo o proxecto desenvolvido durante os tres últimos cursos académicos.