DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo a tese de Iria García, que estudou a gobernanza e a participación na actividade pesqueira

As confrarías de pescadores preséntanse como organizacións adecuadas para a xestión integral e sostible da pesca a pequena escala en Galicia

A investigación realizou análises teóricas en todos os pósitos e análises aplicadas en 15 deles

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Divulgación
  • Medio Ambiente
  • Investigación
Mª del Camen Echevarría DUVI 17/09/2020

Gobernanza e participación na pesca a pequena escala. O caso das confrarías de pescadores en Galicia é o título da tese de doutoramento de Iria García Lorenzo, unha investigación desenvolvida ao longo de seis anos, na que a súa autora afonda na posición das confrarías dentro do sector pesqueiro a pequena escala e na actividade empresarial que realizan. “Na tese estudamos como participan na confraría os diferentes membros que conviven dentro dela, que poden ser pescadores, mariscadoras, mariscadores, armadores... Así, coñecemos todas as relacións entre os membros e a súa organización, como por exemplo como se realiza a explotación dos recursos mariños, como son os procesos de decisión da xestión, ou como son as relacións financeiras”, explica a investigadora, que sinala que, a análise desta participación permitiulle mostrar como as confrarías desenvolven unha actividade empresarial xestionada de forma autónoma polos seus membros, onde eles comparten e benefícianse do uso e da explotación dos recursos mariños.

Dirixida polos docentes e investigadores da UVigo Manuel Varela Lafuente e María José Cabaleiro Casal, a tese conclúe que as confrarías de pescadores preséntanse como organizacións adecuadas para a xestión integral e sostible da pesca a pequena escala en Galicia. “Na tese móstrase que a súa posición dentro do sector pesqueiro, aínda que moi importante, determina que elas poden presentar simultaneamente, tanto vantaxes, como posibles dificultades, para a xestión pesqueira”, sinala Iria García, que pon de manifesto que dentro dun sistema de co-xestión as fórmulas organizativas deben adecuarse a realidades moi diferentes e específicas,  así como a dificultade de atopar unha organización perfecta para todas as situacións.

No caso concreto das confrarías, a investigación sinala que elas poden realizar unha explotación dos recursos mariños comúns de modo colectivo e participan activamente nos procesos de decisión e xestión destes recursos, “dous dos seus puntos máis fortes”, explica a autora da tese, que tamén sinala, que estas organizacións presentan dificultades na xestión derivadas principalmente da confluencia de intereses individuais e colectivos dentro desta entidades.

O como e o por que da investigación

Licenciada en Administración e Dirección de Empresas pola USC e en Publicidade e Relacións Públicas pola UVigo, Iria García explica que desde o comezo a súa tese xiraba arredor de dúas ideas, por unha banda, facer unha análise económica da xestión pesqueira integrando aspectos ambientais e sociais e, por outra, estudar a relevancia dunha actividade económica tradicional galega vinculada a unha contorna física e cultural. “Así, tras un estudo xeral do sector pesqueiro galego, observamos como a pesca a pequena escala, o marisqueo e as confrarías cumprían e facilitaban moitos dos nosos obxectivos. As confrarías sendo as principais asociacións dos pescadores a pequena escala,  mariscadoras e mariscadores, permitiannos presentar unha realidade pesqueira rexional e interrelacionada, á vez que eran un campo de estudo novo e pouco estudado dende a perspectiva económica e empresarial”, detalla a investigadora.

Recoñecidas como entidades de economía social, o obxectivo da investigadora foi afondar na  posición das confrarías dentro do sector e na actividade empresarial que realizan. “Situalas dentro dun sistema de gobernanza da pesca a pequena escala, axúdanos a establecer cal é a súa posición no sector pesqueiro, que funcións e capacidade de acción teñen na co-xestión dos recursos mariños”, detalla Iria García, que para a elaboración da súa tese realizou análises teóricas, sobre todas as confrarías de Galicia, e outras análises aplicadas, estudando unha mostra representativa de 15 pósitos. “Non podo dicir cales, pero si que nas 15 se combinan provincias, tamaños e especializacións (é dicir marisqueiras, pesqueiras ou mixtas). E tamén temos dous casos de estudo internacionais, un sobre as comunidades pesqueiras en Camboxa e outro sobre as asociacións de pescadores do norte e centro de Portugal”, detalla a investigadora.