DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Tras varias reunións co reitor, mañá presentarán a súa proposta ao Consello de Goberno

O Consello de Estudantes demanda garantías de que a avaliación se vai adaptar á excepcionalidade actual

Defenden transformar os exames finais en traballos a entregar ao longo do curso

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PDI
  • Vigo
  • Asociacións de Estudantes
  • Estudantado
  • Saúde
  • Estudantes
D. Besadío DUVI 28/04/2020

Tras varias reunións co equipo reitoral o Consello de Estudantes da Universidade de Vigo, Ceuvi, presentará no Consello de Goberno de mañá mércores a súa propia proposta de cualificación excepcional do estudantado da UVigo para este curso, un documento no que esixen garantías de que a avaliación se vai adaptar á situación excepcional que se está a vivir por mor da crise sanitaria provocada pola COVID-19. “O alumnado atopámonos nunha situación moi incómoda, na que o confinamento e as dúbidas sobre como se vai proceder a avaliación comezan xa a pasar factura”, explica Daniel Couto, presidente de Ceuvi, quen recalca que a principal demanda do colectivo ao que representa é que “a UVigo se adecúe na súa totalidade á situación actual”.

Nas diferentes xuntanzas mantidas co reitor e parte do seu equipo tiveron a posibilidade de tratar xa varias das súas propostas, entre elas, a demanda de garantías de que a avaliación se vai adaptar á situación actual, a suspensión da normativa de permanencia, a dotación de material e axuda para aqueles estudantes que teñan problemas para seguir o curso e a necesidade de que se produza unha comunicación unificada. “Nos tempos que corren é básico para nós ter a información nunha canle segura e evitar falsas noticias”, recalca Couto.

Criterios de avaliación que faciliten a participación do estudante

Queren deixar clara unha idea básica: “o estudantado está conformado por persoas” e, a día de hoxe, hai numerosos casos de estudantes que están de baixa, con problemas familiares, económicos, de conexión... polo que “o primeiro é asumir as condicións nas que estamos, feito que ocorre na maior parte do profesorado, pero que ten que ser total”. Isto debe levar, segundo defenden, a aplicar criterios de avaliación que faciliten a participación do estudante. “Eu non son quen para dicirlle ao PDI como avaliar as materias, pero é certo que preferimos realizar proxectos ou traballos entregables a exames cun peso moi elevado na nota, cunha vixilancia excesiva na que por un fallo de conexión ou pola situación persoal de cada un pode verse prexudicada toda unha materia”, recalca o presidente do Consello de Estudantes.

Desde o seu punto de vista o mellor sería transformar os exames finais en pequenos exercicios a entregar ao longo do curso. Esta foi a idea que defenderon desde as primeiras xuntanzas co equipo reitoral e cos/as responsables dos decanatos e direccións das diferentes facultades e escolas. “Esta proposta tivo moi boa acollida e figura na guía que publicou a propia Universidade”, explica a principal cabeza visible do alumnado da UVigo. “O que non sería xusto sería desestimar o traballo presencial, realizar un único exame con peso total da materia e que todo o traballo que sacou adiante o estudantado dende o comezo do cuadrimestre, así como estas últimas semanas, non se recoñeza nin sexa avaliado”, reclama Couto.

Encontros con todas as delegacións de alumnado da UVigo

O encontro que mantiveron o pasado venres co reitor, Manuel Reigosa,  durou máis de catro horas e nel participaron diferentes membros do Consello de Estudantes e varios vicerreitores. O obxectivo era ir valorando o seguimento das propostas e o traballo realizado, así como debater novas cuestións que foron xurdindo tras falar coas delegacións e representantes de alumnado de practicamente todos os centros da Universidade de Vigo. Para Couto esta xuntanza foi “un encontro moi positivo porque puidemos aclarar dúbidas e comprobar que todos estamos a traballar para que a situación se arranxe”.

Ao respecto de se notan diferenzas entre as distintas escolas e facultades salientan que nalgúns centros existe un compromiso entre a dirección e o estudantado a través das delegacións de alumnado e isto contribuíu dende o principio a arranxar moitos problemas, mentres que, noutros casos, a desinformación provoca que queden aínda cousas pendentes de resolver. “O principal reside na alta carga de traballo e en poder confirmar como se vai solucionar o tema dos Traballos Fin de Grao e Fin de Mestrado, as prácticas en empresa, as do ámbito biosanitario, ou outros traballos de estudo nos que tamén predominan as prácticas”, recalca Couto.

O máis importante: “que non se prexudique a ninguén”

O documento que levarán mañá ante o Consello de Goberno basearase nunha proposta de cualificación de notas en base á situación actual e adaptada ás esixencias nacionais e autonómicas. “Somos conscientes dos criterios de calidade que ofrece a UVigo nos seus estudos, pero tamén deben existir uns valores e principios que axuden ao estudantado nesta situación para que non se prexudique a ninguén”, insiste o presidente do Consello de Estudantes.” Adicionalmente, e en base a todo o traballo realizado durante esta etapa, o Ceuvi velará polo correcto funcionamento da universidade, “priorizando sempre o estado dos seus estudantes e a situación na que se atopan”, recala o seu responsable.