DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Promovido pola Universidade de Vigo e o Consello Galego de Relacións Laborais

Un curso para mellorar a negociación colectiva en Galicia

Representantes sindicais e empresariais participan nesta iniciativa formativa

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Congresos e xornadas
  • Divulgación
  • Académica
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 19/09/2019

Mellorar a negociación no eido laboral en Galicia é o obxectivo final do curso Curso de negociación colectiva e individual no ámbito laboral, que o Departamento de Dereito Público Especial da Universidade de Vigo promove xunto co Consello Galego de Relacións Laborais e que na tarde deste xoves celebrou a apertura da súa segunda edición na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación. Preto de 40 alumnos e alumnas, entre os que figuran tanto cadros das organizacións sindicais e empresariais como estudantes e titulados en Dereito ou Relacións Laborais, asisten desde esta xornada a este curso “pioneiro en España”, como lembrou a profesora Emma Rodríguez, codirectora desta iniciativa xunto ao catedrático do Dereito do Traballo e Seguridade Social Jaime Cabeza. 

O vicerreitor do campus, Jorge Soto, e a presidenta do Consello Galego de Relacións Laborais, Verónica Martínez, presidiron o acto de apertura dunha actividade que arrincou cunha conferencia da catedrática da Universidad de Córdoba Carmen Saénz Lara. “Desde o punto de vista estratéxico, para a Universidade son fundamentais este tipo de cursos, porque estamos a falar de diálogo, de poder chegar a acordos”, salientou Soto dunha iniciativa á que lle queda “un longo percorrido por diante”, como engadiu Martínez, que anunciou que o pleno do Consello Galego de Relacións Laborais xa acordou desenvolver outra edición o vindeiro ano en Pontevedra, á vez que un segundo curso na Coruña. 

20 expertos e profesionais como docentes

Concertación social e negociación colectiva, comunicación e intelixencia emocional, aspectos estratéxicos da negociación e negociación individual, acordos extraxudiciais de solución de conflitos e a análise de casos reais centran os cinco módulos deste curso, “que serán impartidos por expertos do máximo nivel”, como apuntou Rodríguez. De feito, entre o cadro de docentes figuran tanto profesorado de diferentes universidades, como avogados, responsables da inspección de traballo ou expertos en mediación e resolución de conflitos, xunto con representantes das organizacións sindicais e empresariais. “Trátase ademais “do único curso destas características que existe en Galicia e que é mesmo pioneiro no ámbito estatal”, engadiu Rodríguez, que apuntou que “este ano subimos considerablemente o número de solicitudes, tanto de estudantes como de xente que traballa no ámbito das relacións laborais”. 

A negociación colectiva, hoxe

Catedrática de Dereito do Traballo e Seguridade Social, Sáenz Lara, que foi tamén letrada do Tribunal Constitucional e consejera do Consejo Consultivo de Andalucía, abordou na súa conferencia os efectos que a reforma laboral do ano 2012 tivo na negociación colectiva a través dunha análise das sentencias ditadas nos últimos anos polo Tribunal Supremo. Sáenz detívose así mesmo nos “novos contidos” que nos últimos anos gañaron protagonismo nos procesos de negociación, como “o rexistro de xornada, as cláusulas sobre a desconexión dixital, o dereito á adaptación de xornada ou as cláusulas sobre a xubilación obrigatoria”. No seu relatorio, a catedrática detívose igualmente nos plans de igualdade das empresas, “que teñen que ser negociados, algo que afortunadamente xa recolle a normativa vixente, o feito de que a diagnose da situación da empresa tamén se ten que negociar”, á vez que incidiu en como “as últimas sentencias do Supremo están declarando a nulidade dalgo que temos nos convenios desde hai moitos anos e que creo que vai desaparecer”, as dobres escalas salariais, polas cales, explicou, “podes cobrar menos que outra persoa que faga o mesmo traballo en función da época na que entrases a traballar na empresa”. 

Da teoría á práctica

De 64 horas lectivas, 46 de formación presencial e 18 en liña, o curso busca achegar aos e ás participantes unha “orientación práctica, axustada á realidade empresarial, xudicial e administrativa”. Deste xeito, a súa primeira parte estará centrada en diferentes cuestións relacionadas coa concertación social e negociación colectiva, como a negociación estatutaria e extraestaturaria, a estrutura, unidades ou os procedementos de negociación. Realizarase tamén unha análise da xurisprudencia e casos prácticos, abordarase a duración, aplicación e interpretación dos convenios colectivos, á vez que se porá o foco nos “puntos críticos” dos convenios e acordos, cuestións como o salario, o tempo de traballo ou a clasificación profesional.

Partindo da idea de que a comunicación constitúe un factor chave nas negociacións laborais, o segundo módulo, impartido por docentes do Departamento de Comunicación Audiovisual e Publicidade, porá o foco en aspectos como a intelixencia emocional, a comunicación verbal e non verbal ou os estilos de negociación. O terceiro bloque centrarase na estratexia e nas técnicas de negociación, mentres que o cuarto abordará os acordos extraxudiciais de resolución de conflitos, tanto colectivos como individuais, “que é algo que se está potenciando no ámbito galego”, como salienta Rodríguez. Xa en novembro, o curso completarase coa análise de casos reais e experiencias en materia de mediación e arbitraxe, dedicando a súa penúltima sesión a un “xogo de rol” na que representantes sindicais e empresariais intercambiarán os papeis na simulación dunha negociación. Por último, a actividade pecharase coa conferencia de clausura que impartirá a catedrática de Dereito do Traballo e da Seguridade Social da Universidad Complutense de Madrid María Emilia Casas, a primeira muller que, entre 2004 e 2011, presidiu o Tribunal Constitucional.