DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Investigadoras da UVigo, lideradas por Elena Ojea, participan no proxecto europeo MPA-Engage

Deseñando desde o Atlántico plans de adaptación e mitigación do cambio climático para áreas mariñas protexidas do Mediterráneo 

15 institucións de oito países colaboran na investigación, que ten un orzamento de tres millóns de e

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Medio Ambiente
  • Investigación
Mª del Carmen Echevarría DUVI 26/02/2020

“O mar Mediterráneo é unha das zonas do mundo onde máis se está a acelerar a subida da temperatura da auga e onde as vagas de calor son cada vez máis intensas e frecuentes”, explica Elena Ojea, docente e investigadora e responsable do Future Oceans Lab da Universidade de Vigo, que xunto a outras 14 institucións de oito países europeos, participa no proxecto Interreg Mediterráneo Engaging Mediterranean key actors in Ecosystem Approach to manage Marine Protected Areas to face Climate change” (MPA-Engage). Cun orzamento de tres millóns de euros, o proxecto europeo, coordinado polo Institut de Ciències del Mar del Consejo de Investigación Español (CSIC), ten o obxectivo de dar soporte e promover a función que teñen as áreas mariñas protexidas para a adaptación e mitigación dos impactos do cambio climático, deseñando unha serie de plans de adaptación para ás áreas mariñas protexidas do Mediterráneo, que sirvan para enfrontar con rotundidade os importantes impactos que están a acontecer nesta rexión.

O proxecto, cunha duración de dous anos e que é unha continuación de MPA-Adapt, que finalizou en 2019, céntrase en sete áreas mariñas protexidas (AMP): Brijuni (Croacia), Portofino (Italia), Calanques (Francia), Zakynthos (Grecia), Karaburuni (Albania), Cap de Creus (España) e Tavolara Punta Coda Cavallo (Italia). “As AMP son importantes para preservar e mellorar a resilencia socioecolóxica, non obstante, existe unha falta de plans de adaptación específicos na maioría delas, a pesares do acordo xeral de que estas áreas desempeñan un papel clave na adaptación ao cambio climático, e este proxecto axudará a abordar os impactos do cambio climático e creará plans de adaptación específicos”, sinala a investigadora do CIM da UVigo. Xunto ás e aos científicos de Future Oceans Lab, a participación da Universidade de Vigo neste proxecto complétase coa docente e investigadora de Departamento de Dereito Público Laura Movilla, “que ten moita experiencia en acordos de cambio climático e de conservación mariña”, engade Ojea. 

MPA-Engage está liderado polo investigador Joaquim Garrabou do Institut de Ciències del Mar e nel participan, ademais da Universidade de Vigo, o Departamento de Territorio y Sostenibilidad de la Generalitat de Catalunya, o goberno da rexión de Liguria, institucións de investigación (Stazione Zoologica Anton Dohrn, Politécnico Universidad de Marche), os organismos de xestión das sete áreas mariñas protexidas (Cataluña, Francia, Italia, Croacia, Albania e Grecia), así como organizacións non gobernamentais:  MIO-ECDSE e a Fundación Diving Alert Network.

A achega viguesa ao proxecto

Ademais de mellorar o coñecemento dos ecosistemas mariños e a súas interrelacións coas actividades humanas para enfrontar o impacto do cambio climático, o proxecto MPA-Engage elaborará avaliacións de vulnerabilidade e definirá plans de adaptación nas áreas protexidas e nos sectores da pesca recreativa e a pequena escala, ademais de mellorar a efectividade destas áreas como solucións baseadas na natureza para adaptar e mitigar o cambio climático. Pola súa banda, e cunha subvención de seu de 100.000 euros, as e os investigadores da Universidade de Vigo centraranse “no deseño e implementación de análises socio-ecolóxicos de vulnerabilidade ao cambio climático. Por unha banda, imos ver como afecta o cambio climático aos ecosistemas protexidos, e por outra, a vulnerabilidade das actividades e poboacións de persoas que dependen do espazos protexidos como a pesca artesanal ou o turismo sostible”, detalla a investigadora da UVigo.

MPA-Engage enlaza coas liñas de investigación que desenvolve Future Oceans Lab e que os leva a empregar o coñecemento e experiencia científica que teñen para facilitar a adaptación a espazos protexidos concretos, nos que traballarán man a man cos xestores. “Isto implica continuar a nosa investigación, pero afondando nas implicacións prácticas, cara á xestión mariña”, explica Elena Ojea, que agarda que “o proxecto teña repercusión na toma de decisións e xestión mariña importantes e que se desenvolvan plans de adaptación que axuden a mitigar os impactos do cambio climático no Mediterráneo”.