DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O proxecto Inmena, da convocatoria Conecta Peme, presenta e debate os seus progresos

Empresas e Universidade deseñan ferramentas que permitirán reducir un 25% os custes enerxéticos de climatización dos edificios

Tras o primeiro ano de traballo, os prototipos comezarán a probarse no hospital Povisa

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • TIC
  • Investigación
M. Del Río DUVI 20/09/2019

En marzo de 2018 botaba a andar o proxecto Inmena, unha iniciativa que se insire na convocatoria Conecta Peme da Xunta de Galicia e que ten como obxectivo mellorar a xestión enerxética dos edificios. Agora, tras ano e medio de traballo os catro membros do consorcio (as empresas DiagnóstiQA, coordinadora, Insega e Proyestegal e a Universidade de Vigo) reuníronse no campus vigués para analizar e debater sobre os avances técnicos do proxecto. 

O obxectivo de Inmena é desenvolver ferramentas de alta automatización que posibiliten unha xestión enerxética activa das demandas das edificacións tendo en conta os seus usos e favorecendo, ao mesmo tempo, un equilibrio entre confort-calidade en interiores e consumo enerxético de todas as instalacións dun edificio. A importancia deste tipo de medidas radica en que “se estima que o 40% da enerxía mundial se consume nos edificios urbanos e aproximadamente o 40% destes son edificios comerciais”. É por este motivo polo que a Unión Europea se marcou como obxectivo mellorar nun 27% a eficiencia, xa que o 75 % do parque de vivendas da UE é  ineficiente dende o punto de vista enerxético. 

Tras o primeiro ano de traballo, o equipo ten xa deseñados tanto os dispositivos como as ferramentas de simulación enerxética que nos próximos meses comezarán a fase de proba. Os socios do proxecto agardan que a plataforma froito deste proxecto permita, por unha banda, acadar un aforro do 25% nos custes enerxéticos relativos á climatización dos edificios e dun 15% de aforro nos custes de iluminación grazas a unha adecuada modelización de requisitos de acondicionamento. 

Os dispositivos, listos para comezar as probas no hospital Povisa

Ruth Doval, de DiagnóstiQA Consultoría Técnica, foi a encargada de dar conta dos avances realizados ata agora no marco dun proxecto que conta cun orzamento de 693.195 e no que, por parte da Universidade, están implicados o Grupos de Tecnoloxía Enerxética (GTE) e o Grupo de Xeotecnoloxías Aplicadas (Geotech). “O proxecto consta de tres anualidades e tres fitos”, explica, e o segundo deles comprende o desenvolvementos de dous dispositivos, un móbil e outros fixos, que permitan monitorizar parámetros de confort como calidade do aire, temperatura, iluminación ou humidade e parámetros de seguridade como a presenza de contaminantes como o radón ou compoñentes volátiles”, explica. Con estes datos e empregando unha ferramenta de simulación enerxética poderase coñecer o confort interior dos edificios e, a partir de algoritmos, “conseguir un modelo térmico que se semelle á realidade dos edificios para, a partir del, tomar as medidas precisas para que as estancias sexan confortables e eficientes enerxeticamente”.
Os dispositivos, tanto os fixos como o móbil, están xa listos para comezar a fase de proba, que arrancará nos vindeiros meses e se desenvolverá no hospital Povisa. Como explica Pablo Eguía, investigador do grupo GTE, o modelo xeométrico do edificio xa está completo e en breve instalaranse os dispositivos que irán obtendo datos para xerar os modelos térmicos e de confort das estancias. “Unha vez teñamos os datos, comezaremos a modelar o confort e o modelo enerxético do edificio e, empregando esta información, poderanse tomar medidas para mellorar estes parámetros”.

Resultados agardados

A integración destes dispositivos e ferramentas que están a desenvolver e probar os socios de Inmena materializaranse nunha plataforma de xestión enerxética intelixente e automatizada de edificios baseada na integración e procesamento en tempo real da información procedente da monitorización, simulación e regulación das instalacións. O seu uso permitirá simular e establecer as pautas para a mellora continua da eficiencia enerxética dos edificios que é o primeiro paso para un efectivo e amplo despregue de medidas que aforren enerxía en edificacións existentes. Por outra banda, permitirá reducir nun 50% os tempos de inspección e monitorización de edificacións existentes, así como a elaboración dun modelo tridimensional dos datos obtidos para facilitar a toma de decisións enerxéticas e de rehabilitación. Paralelamente tamén se poderá dispoñer de ferramentas de modelizado de eficiencia cun retorno garantido en dous anos debido ao calibrado adecuado dos modelos con información contrastada de confort interior e condicións exteriores e ferramentas de visualización e predición que favorezan a implantación de medidas de eficiencia enerxética en edificios de alta demanda como os do sector terciario e industrial e, especialmente, en contornas nas que o confort é un factor clave.