DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A través do emprego de nano-recubrimentos cerámicos con propiedades antibacterianas

Enxeñaría biomédica para mellorar a osteointegración, fixación e estabilidade de próteses ortopédicas e implantes dentais

A estratexia proposta facilita o crecemento das células presentes no ambiente biolóxico próximo a es

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Divulgación
  • Saúde
  • Investigación
D. Besadío DUVI 11/12/2019

Mellorar as prestacións das próteses e implantes metálicos que se empregan na actualidade nas clínicas ortopédicas e dentais. Este é o obxectivo co que a investigadora Bettiana Hidalgo puxo en marcha a súa tese de doutoramento e iso foi finalmente o que conseguiu: o desenvolvemento de dúas estratexias que melloran as funcionalidades das actuais próteses e implantes e que están baseadas na obtención de nano-recubrimentos cerámicos avanzados con propiedades antibacterianas e unha adecuada resposta biolóxica.

“Na miña tese o que propoño é proporcionar un recubrimento, na gama nanométrica, como unha estratexia local para mitigar ou reducir a probabilidade da colonización bacteriana das próteses, sen prexudicar o axeitado crecemento das células presentes no ambiente biolóxico próximo ao implante, mellorando así a súa osteointegración, fixación e estabilidade”, explica a autora da tese, quen desenvolveu esta investigación dentro do Instituto de Bioenxeñería en Rede para o Envellecemento Saudable (Iberos) baixo a batuta dos investigadores Pío González e Miriam López, do grupo de investigación Novos Materiais da Universidade de Vigo.

Entre outros materiais empregouse fluorapatita de dente de tiburón

A primeira das estratexias propostas por Hidalgo é mellorar a composición dos recubrimentos actuais baseados en fosfato de calcio incorporando elementos con propiedades antibacterianas (cobre, zinc e flúor) e, como segunda estratexia, a funcionalización da superficie de titanio cun nano-recubrimento a base de óxido de grafeno, “o que permite a ancoraxe de compostos antibacterianos ou outras biomoléulas de interese”, recalca a investigadora.

A abordaxe experimental para a obtención dos nano-recubrimentos realizouse, no primeiro caso, mediante a técnica denominada Depósito por Láser Pulsado (PLD), empregando materias primas de orixe sintético (hidroxiapatita comercial e óxidos de cobre e de zinc) e tamén de orixe biolóxico, neste caso, fluorapatita de dente de tiburón. Na segunda estratexia optouse por un método simple de depósito por goteo e posterior tratamento térmico dun composto de óxido de grafeno sobre a superficie metálica a recubrir.

Entrando en detalle, os nano-recubrimentos estudáronse en canto á morfoloxía superficial por microscopía electrónica de barrido (SEM), topografía e espesor e as características estruturais avaliáronse mediante difracción de raios X e configuración de enlaces por espectroscopía infravermella e a caracterización biolóxica realizouse mediante ensaios biolóxicos con liña celulares eucariotas e estudos microbiolóxicos con diferentes tipos de cepas bacterianas.

Os resultados experimentais demostran a viabilidade de obter nano-recubrimentos a través de ambas estratexias, cunha resposta biolóxica adecuada, “proporcionando novas funcionalidades ás actuais próteses e implantes”.

“Científica, biotecnóloga e feminista”

Uruguaia de nacemento e “galega de corazón”, a autora da tese defínese a si mesma como “científica, biotecnóloga e feminista”. Ao longo do seu período na Universidade de Vigo (2008-2019) tivo a oportunidade de licenciarse primeiro en Bioloxía e xirar logo o seu camiño cara ao ámbito tecnolóxico na Escola de Enxeñería Industrial, onde se mergullou de cheo no mundo da enxeñaría biomédica.

Durante todos estes anos na Universidade de Vigo a investigadora participou e colaborou tamén na representación do estudantado en diferentes órganos gobernamentais e áreas universitarias, incluíndo a Xunta de Facultade, o Claustro, o Consello de Goberno ou a Unidade de Igualdade, entre outros. “O meu obxectivo foi sempre loitar polos dereitos dos estudantes e, simultaneamente, contribuír á mellora continua da nosa Universidade”, recalca a investigadora, quen na actualidade se trasladou a Cataluña para continuar alí a súa carreira persoal e profesional.