DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os ourensáns gañaron o domingo a Gaztedi RT

O equipo de rugby do campus suma unha nova vitoria na casa

A categoría masculina de baloncesto perdeu contra Xuven Cambados

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Deportes
  • Deportes
DUVI Ourense 17/02/2020

Esta fin de semana o primeiro equipo do Campus Universitario Ourense de rugby volveu a xogar nas instalacións deportivas do campus de Ourense e fíxoo acadando unha nova vitoria, neste caso contra Gaztedi RT. Pola contra, en baloncesto a categoría masculina perdeu por primeira vez esta tempada un encontro, concretamente fronte a Xuven Cambados. Os malos resultados tamén acompañaron aos representes do campus en xadrez e fútbol gaélico.

Desigual sorte en rugby, fútbol gaélico e baloncesto

Na xornada 18 de competición, o Campus Universitario Ourense Rugby Club recibiu o domingo 16 ao Gaztedi RT, acadando unha vitoria por 30-17. Con este resultado, os ourensáns mantéñense no terceiro posto do grupo A da división de honra B do rugby estatal, con dez partidos gañados, un empate e seis derrotas. Xa na liga galega, o equipo feminino do club gañou 92-5 a Muralla RC-CRAT.

En fútbol gaélico, as xogadoras do campus perderon no seu desprazamento a Val Miñor, sendo o resultado final do encontro Turonia FG 4-11(23) vs 3-8(17) Auriense Campus da Auga FG.  

Xa en baloncesto, esta fin de semana o Universitario Campus de Ourense masculino tivo a súa primeira derrota da tempada. Perdeu o sábado fronte ao Xuven Cambados por 93-77. A pesar deste resultado os ourensáns mantéñense no primeiro posto do seu grupo na primeira división masculina. Pola contra, as xogadoras acadaron unha vitoria fronte a CB Dorna, ao que gañaron tamén o sábado por 52-47. Este marcador mantén ás ourensás no último posto do seu grupo na primeira división autonómica feminina.

Malos resultados en xadrez

A cuarta xornada de xadrez da liga galega saldouse para os representantes do campus de Ourense con tres derrotas. Na primeira división, o Universitario de Ourense perdeu na casa contra Xadrez Ourense C por 0,5-3,5, con táboas de Lino Hermida e derrotas de Brais Gerpe, Mauel Álvarez e Miguel Reza. Na segunda división, o equipo do campus tamén perdeu contra Xadrez Ourense D por 1-3, con vitoria de Marcos Reza e derrotas de Raúl Martínez, Laura Martínez e Martín González. Xa en terceira división, os universitarios perderon contra Xadrez Ourense E por 1-3, con vitoria de Nuel Vázquez e derrotas de Julio César Pérez, Favio Fuentes e Sergio de Soto.