DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Sala X acolleu a inauguración de ‘Cerrar la puerta después de entrar’, de Yolanda Ríos 

Unha exposición reflexiona sobre como os espazos constrúen a quen os habita

A mostra reúne obras vinculadas coa liña temática que centrou a tese da artista

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Cultura
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 20/02/2020

A análise do espazo, tanto escultórico como arquitectónico, “desde a perspectiva da dimensión doméstica, da casa como refuxio, como un lugar que condiciona e constrúe as persoas que o habitan”. Esta é, como explica a artista e doutora en Belas Artes Yolanda Ríos, a liña temática en torno á que xira Cerrar la puerta después de entrar, a exposición que desde este xoves  protagoniza na Sala X. “O título fai referencia a todo ese espazo privado que queda cando se pechan as portas, todo aquilo que está no interior”, salientou Ríos na inauguración desta mostra, que poderá visitarse ata o 20 de marzo.

O título da exposición fai tamén referencia ao “peche dunha etapa”, da que formaban parte unha serie de obras realizadas ao longo dos últimos anos relacionadas á súa vez coa liña de investigación que centrou a súa tese, pola que en xaneiro era recoñecida co premio extraordinario de doutoramento pola Universidade de Vigo. Dirixida pola profesora da Facultade de Belas Artes Chelo Matesanz, a tese La construcción sensible del espacio privado en el arte abordaba a evolución do espazo privado cara un “espazo conectado” e forma parte así mesmo dos contidos da exposición. Unha tese e unha exposición que, como salientou o vicerreitor do campus, Jorge Soto, “teñen que ver co espazo, coas realidades compartidas e solitarias” e cun “concepto hoxe en día moi acaído, que é o tema de quen somos ante nós e ante os demais”. Nesta inauguración, na que participaron tamén o decano de Belas Artes, Xosé Manuel Buxán, e o director da Área de Dinamización Cultural, Educativa e de Integración do campus, Manuel Morquecho, Soto defendeu a Sala X, que coordinan actualmente por Morquecho e Matesanz, como un espazo “fundamental para darlle visibilidade a moitas cuestións que se fan en Belas Artes”. Nese senso, Buxán, salientou que Cerrar la puerta después de entrar insírese nunha liña de exposicións dedicadas a “egresados que veñen de doutorarse”, que permite de xerar “uns diálogos moi interesantes entre os directores de tese” e os doutores e doutoras.  

Os espazo que refuxia, muda ou incomunica

O concepto de espazo como un lugar “para pensar crear e habitar” vese representado na exposición por Pensar ciudades. Espacios para pensar, unha obra na que, por unha banda, Ríos constrúe con pezas de cemento e acetato unha “cidade tridimensional” de “enerxías contrarias, entre o crecemento e a decadencia” e que completan outra serie de pezas que abordan como “o espazo que habitamos para crear como artistas se transforma en cambiante, flexible e poroso”.

A idea de como as “estruturas arquitectónicas interveñen nas relacións persoais” faise así mesmo presente a través de obras como Biombo de pan, resultado da bolsa de creación artística Novos Valores 2017, do Museo de Pontevedra. “A peza constitúe un elemento que modula a intimidade desde a que poder ocultarse ou amosarse”, salienta Ríos, que achega tamén á exposición Habitar las obsesiones, “unha estrutura de celosía, “construída a través da adición de pezas modulares, cuxa colocación suxire a construción dun castelo de naipes”. Presentada xunto a unha mesa e dúas cadeiras, esta estrutura xera un “lugar fragmentado” en vez dun espazo de encontro e interacción cotián, o que permite á artista xogar coa oposición entre “separación-unión, pechado-aberto ou comunicación-incomunicación”.

Outro dos traballos seleccionados para a exposición aborda a idea do espazo como “refuxio”, a través dunha estrutura creada con catro mantas térmicas, “que se utilizan habitualmente en situacións de emerxencia”. Trátase dunha obra que Ríos creou para unha das exposicións colectivas xurdidas do encontro internacional de artistas Apprentice/Master, no que participou no curso 2015-2016. Na mostra preséntase tamén o libro de artista Deconstruir la mirada, no que propón unha reflexión sobre o desenvolvemento urbanístico, o abandono, a destrución, a deconstrución, a ruína ou a reconstrución”, a partires de “tres formas arquitectónicas da cidade de Vigo”, xunto con tres serigrafías sobre tea xurdidas de Cartografías de la desintegración, obra que Ríos desenvolveu en para un proxecto da Cátedra Arte y Enfermedades da Universitat Politécnica de Valencia. A iniciativa, centrada en crear obras a partires do contacto persoal con persoas afectadas por enfermidades autoinmunes, levou a artista a realizar unha obra con 2000 fotocopias de prospectos médicos que, copia a copia, ían deformándose ata volverse ilexibles.