DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coa presentación de 45 traballos de videoarte realizados polo alumnado ao longo de 26 anos

O festival Intersección dedica unha retrospectiva á Facultade de Belas Artes

Proxectaranse na Fundación Luis Seoane da Coruña en dúas sesións, xoves e sábado

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Estudantado
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 23/10/2019

Un total de 45 pezas de videoarte, que son tamén traballos académicos realizados polo alumnado da Facultade de Belas Artes ao longo de 26 anos, forman parte do programa do Festival de Arte Audiovisual Contemporánea Intersección, que a partires deste xoves 24 celébrase na Fundación Luís Seoane da Coruña. Cunha programación centrada en obras audiovisuais que se sitúan no cruce entre a arte contemporánea e o cinema de vangarda, o festival dedica na súa segunda edición unha retrospectiva á facultade do campus pontevedrés, que coordinaron os docentes do centro Sol Alonso e Xoán Anleo. 

Afondar na achega que supuxo para o panorama artístico galego a docencia universitaria en materia de videoarte constitúe un dos obxectivos desta retrospectiva que se desenvolverá en dúas sesións, nas xornadas de xoves e domingo. “Supón transmitir un labor e tamén defender que sexa atendido o oco que necesitamos nas programacións, non só dos festivais, senón tamén dos museos e salas de arte” que, apunta Alonso, non prestan especial atención a unha disciplina “na que partimos de referentes que ás veces son comúns coa cinematografía, pero que mantén unha especificidade”. A coordinadora desta actividade incide nese senso en que esta actividade non debe entenderse como "unha retrospectiva que presenta algo concluído”, xa que busca proxectar a videoarte, “na súa faceta máis experimental e artística” como algo “moi vivo, que ten plena vixencia”. 

Unha selección ampla e que proxectase unha evolución

O punto de partida desta retrospectiva é o arquivo de preto de 2000 traballos realizados no marco de diferentes materias de creación audiovisual que conserva Alonso, a partires do que articulou unha selección que buscaba “fose o máis ampla e variada posible”, optando por pezas de non máis de tres minutos co propósito de que “estivesen representadas case todas as promocións”. Do mesmo xeito, a selección buscou tamén abranguer “un abano, tanto temático como conceptual, o máis amplo posible”, de tal xeito que afondase nas múltiples “facetas de modalidade expresiva” que engloba a videoarte, como “o autorretrato, a presenza do corpo, a sincronización sonora, os problemas de representación das linguaxes..” Do mesmo xeito, Alonso buscou que na mostra “se observase unha evolución, técnica e de contidos”, de tal xeito que estas permitisen trazar “un camiño destes 26 anos”. A idea, engade, era amosar, “que non só a tecnoloxía supuxo cambios importantes, xa que o seu avance tamén formulou novas estratexias que se observan na radicalidade das mensaxes, nas formulacións rupturistas...” e nas claves que foron marcando o discurso das diferentes promocións.

Unha panorámica cos e as artistas

Nesta escolma de pezas realizadas entre o curso 1994-1995 e o 2018-2019 figuran “artistas que contan xa cunha traxectoria recoñecible”, como Rosendo Cid, Félix Fernández, Bibi Martín, María Magán, Cecilia Labella ou Borja Santomé. Artistas para os que, en moitos casos, esta retrospectiva supuxo “reencontrarse con traballos que crían desaparecidos ou que xa non recordaban”, como lembra Alonso. Nese senso, a docente lembra que todas as obras “pertencen a un contexto de formación, polo que non poden considerarse como pezas representativas das súas traxectorias, senón das súas orixes”. De feito, as dúas sesións que integran esta retrospectiva contarán coa presenza de parte dos autores e autoras das pezas, o que permitirá abordar con eles “como repercutiu a súa formación na facultade nos seus procesos creativos neste soporte”. As sesións veranse complementadas polas presentacións que realizarán, o xoves, a profesora e ex-alumna da facultade Silvia García, autora dunha das pezas, e a propia Alonso o domingo. 

Por outra banda, a presenza da facultade no festival completarase coa participación dun grupo de estudantes nas máster class que o venres impartirán os cineastas J.P. Sniadecki e Salomé Lamas.