DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Dous estudantes de Comunicación Audiovisual comparten o premio nesta categoría

Ficción “100% galega” feita polo alumnado triunfa no certame universitario Suroscopia

O xurado outorgou 'ex aequo' este galardón a Cristina Yañez e Miguel Gómez 

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cultura
  • Estudantado
  • Premios
  • Estudantes
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 16/03/2020

Unha curtametraxe que reflexiona sobre "o abandono do rural galego" a través da historia das “xeracións de mulleres anciás que dedicaron a súa vida ao seu marido e fillos, esquecéndose de si mesmas” e unha curta rodada en Vedra no marco dun concurso de creación de pezas audiovisuais en 48 horas. Estas dúas pezas, Na memoria da túa esposa e Ti tamén, dos estudantes de Comunicación Audiovisual Cristina Yañez e Miguel Gómez Abad, respectivamente, recibiron ex aequo o premio do xurado á mellor curta de ficción na novena edición do Certamen Universitario de Creación Audiovisual Suroscopia, promovido pola Universidad de Córdoba.

“Calquera premio ou nomeamento fóra de Galicia dunha curta 100% galega como esta, é algo que valoro moito e faime sentir moi orgulloso dela”, salienta Gómez Abad da elección do seu traballo como un dos gañadores do certame que o venres fixo público o fallo do seu xurado, despois de que as medidas adoptadas pola expansión da COVID-19 obrigasen á suspensión do acto de entrega dos galardóns. “Tanto eu como todo o equipo valoramos moito este premio, xa que a curtametraxe é o resultado dun enorme esforzo por parte de todo o equipo”, engade Yañez, que gravou Na memoria da túa esposa xunto cun grupo de alumnos e alumnas desta titulación da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación.

Xunto a Yañez e Gómez, outros tres estudantes de Comunicación Audiovisual, Pedro Vilas, Laura Guizán e Santiago Pascual, participaron a pasada semana, como finalistas deste certame, no seminario formativo de Suroscopia, un concurso ao que concorreu alumnado de diferentes universidades de España e America Latina. Celebrado no Centro de Creación Contemporánea de Andalucía, este seminario abranguía unha serie de talleres impartidos por profesionais do audiovisual de diferentes ámbitos, aínda que as medidas adoptadas por mor do coronavirus obrigaron á suspensión das dúas últimas xornadas. A pesares diso “foi unha experiencia única”, recoñece Yañez, mentres que Gómez Abad sinala o positivo de que profesionais de diferentes campos achegasen ao alumnado “experiencias persoais dos seus traballo”. 

Segundo premio consecutivo para a Universidade de Vigo

Un xurado integrado polo director de Cultura da Universidad de Córdoba, José Álvarez; o director de I+D de Atlantia Media, Tino Martínez; o realizador de RTVE Javier Jado e a xornalista especializada en cine Machús Osinaga foi o encargado de ditaminar o nome dos gañadores e gañadoras nas tres categorías do concurso, dotadas dun premio económico de 700 euros. No caso de ficción, o xurado decidiu premiar, ex aequo, dúas obras de “impecable factura técnica”, segundo recolle a Universidad de Córdoba. Deste xeito, o alumnado de Ciencias Sociais e da Comunicación impúñase de novo nunha categoría na que, na pasada edición de Suroscopia, premiábase tamén unha curta realizada por estudantes da facultade, Estatus, dirixida por Ricardo Araújo. 

Xunto a Yañez e Gómez, o xurado premiou tamén as curtas de Carmen Pérez, da Universidad Complutense de Madrid, na categoría de videoarte, e de Maite Aznar, da Universidad de Sevilla, na de documental, mentres que os premios do público foron para Aznar, Roberto Pintre, da Universidad de Sevilla, e Julián Hernández Cuesta, da Universidad de Córdoba. “Recibir premios así e boas opinións sobre a nosa curta, fainos moi felices”, salienta Yañez deste recoñecemento para Na memoria da túa esposa, unha curta baseada na historia da súa propia avoa, que previamente fora distinguida co primeiro premio no concurso de Creación Audiovisual da Universidade de Vigo e co segundo premio CurtasoPrima das Xociviga do Carballiño. 

Nacida nun certame promovido pola asociación Senunpeso para o Lav de Vedra, no que os participantes debían idear e producir en 48 horas unha curta que incluíse unha localización deste municipio e un xoguete como elemento importante da súa trama, Ti tamén é “unha curta pequena en todos os sentidos”, recoñece Gómez Abad. Tanto pola súa duración, como polo seu equipo técnico, do que formou tamén parte o estudante da facultade Juan Garrido, como pola súa propia formulación, con dúas personaxes e unha única localización. De aí que o feito de que esta peza, que “conta unha historia sinxela e universal”, fose seleccionada polo xurado deste certame constitúe, sinala, un “indicador de que ten algo dentro que funciona ben”. De feito, antes de recibir o que foi o seu primeiro premio, Ti tamén formara parte da selección do Mumbai Shorts International Film Festival na India.