DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ata agora non se diferenciaran da 'Carpetania elisae' 

Investigadores da UVigo e da UCM describen dúas novas especies de miñoca de terra no centro peninsular 

Para Daniel Fernández este descubrimento “é unha alerta da biodiversidade escondida”

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Medio Ambiente
  • Investigación
DUVI 23/04/2020

O docente e investigador da Universidade de Vigo Daniel Fernández Marchán acaba de sumar dúas novas especies de miñoca de terra descritas ao seu currículo, no que xa figura a súa participación de xeito máis o menos directo na descrición doutras dez especies máis. “A taxonomía é un dos puntos centrais da miña carreira e existe aínda moita diversidade por descubrir nas miñocas de terra da península ibérica” asegura Fernández Marchán, que xunto a investigadoras e investigadores da Universidad Complutense de Madrid e do Instituto de Biología Evolutiva (CSIC-UPF) participou no descrición de dúas especies de miñoca de terra diferentes a outra que xa estaba descrita, Carpetania elisae, e da que, ata o de agora, non se  diferenciaran. “O descubrimento de tres especies que aparentemente eran só unha, alértanos dunha biodiversidade agochada que non podemos protexer se non é detectada previamente”, asegura o investigador da UVigo e primeiro autor do estudo publicado en Systematics and Biodiversity.

Carpetania matritensis e Carpetania complutensis son os nomes cos que se “bautizaron” as novas especies, o primeiro en referencia a que habita exclusivamente na Comunidad de Madrid e o segundo, unha especie endémica do centro peninsular, é unha homenaxe á Universidad Complutense de Madrid, na que o grupo de Zoología del Suelo estudou este grupo de especies desde a década de 1990. Estas tres especies de Carpetania son de maior tamaño que outras miñocas máis coñecidas como a miñoca vermella californiana (Elisenia fetida), e dunha cor pálida, xa que raramente saen á superficie. Mentres a Capertania elisae é a máis pesada das tres, a Carpetania complutensis é a máis longa.

Características morfolóxicas tan similares que dificultan a distinción

O investigador do Departamento de Ecoloxía e bioloxía animal  sinala que desde hai anos existía a sospeita de que a especie Carpetania posúe unha elevada diversidade xenética, pero os seus membros teñen unhas características morfolóxicas tan similares que dificultan a súa distinción. “Eu encargueime da maior parte da análise dos datos xenéticos e morfolóxicos que permitiron describir as novas especies”, explica Fernández Marchán, que sinala que para levar a cabo o estudo desenvolvéronse dúas metodoloxías durante algo más de dous anos, cuxos resultados coincidiron no descubrimento das dúas especies. Primeiro os investigadores empregaron a técnica Genotyping-by-sequencing (GBS) idónea para acadar información do xenoma permitindo atopar os límites entre as diferentes especies. Con esta información xenética, puidéronse atopar tres agrupacións de individuos correspondentes ás tres especies distintas.

A segunda parte centrouse no estudo dunhas estruturas reprodutivas do tamaño dunha pestana chamadas quetas xenitais, mediante microscopía electrónica de varrido, e “ao analizar a súa forma mediante morfometría xeométrica, observouse que se podían agrupar as poboacións en tres grupos pola semellanza destas estruturas”, explica o investigador. 

A beneficiosa acción das miñocas sobre os solos 

O incremento da produtividade vexetal, o aumento da retención da auga ou a redución da compactación ou a erosión, son algúns do efectos máis destacados da actividade das miñocas de terra. “Dado que o deterioro dos solos produtivos é unha das maiores ameazas no século XXI para seguridade alimentaria, segundo a FAO, é moi importante comprender a acción beneficiosa que realizan as miñocas de terra sobre o seu hábitat” sinala o investigador, que incide na necesidade de aumentar o coñecemento sobre as diferentes especies “no só para a conservación do medio ambiente, senón para a sostenibilidade da produción de alimentos no futuro”, explica Fernández Marchán.