DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Esta Rede Galega pola Investigación nace co obxectivo de dignificar a I+D+i

InvestiGal aposta pola creación dunha Fundación Galega para Investigación

Permitiría desligar os intereses políticos e a curto prazo da xestión do investimento en ciencia

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Investigación
M. Del Río DUVI 22/04/2020

Dignificar a carreira investigadora; incrementar o investimento en I+D+i; cambiar o modelo de xestión dese investimento; crear un Pacto Galego pola Investigación e a posta en valor de todos os sectores da investigación en Galicia. Estas son algunhas das principais demandas da recentemente creada Rede Galega pola Investigación, InvestiGal, que aspira a dar acubillo a todas aquelas persoas implicadas no sistema público de investigación galego, con independencia da escala laboral na que se atopen, para tratar de resolver os “problemas transversais” de todo o sector.

A rede naceu oficialmente o pasado 29 de febreiro como resultado dunha serie de xuntanzas e mobilizacións que tiveron lugar nos campus das tres universidades galegas. Dende entón, conta xa cun cento de persoas asociadas, arredor de 35 da UVigo, e agardan que o crecemento sexa exponencial a medida que se dea a coñecer e comecen a realizar actividades. Entre os seus obxectivos está o de facer  chegar as súas propostas a actores políticos de cara ás vindeiras eleccións autonómicas. Realizarase tamén unha rolda de xuntanzas coas persoas responsables das áreas de investigación e organización académica das universidades e co resto do tecido da ciencia galega, como OPIs, fundacións ou hospitais “para facerlles chegar a nosa problemática e a nosa problemática e a nosa visión”, explican.

Principais demandas

A principal demanda resúmese na dignificación da carreira investigadora, “con medidas que permitan obter recoñecemento, estabilidade, homoxeneidade de condicións laborais, regularidade nas convocatorias e opcións á continuidade”. Outra das principais patas da rede á a demanda dun incremento do investimento en investigación en Galicia. Neste sentido, lembran que dende o 2008, “coa confluencia da crise económica e o cambio de goberno na comunidade, a investigación galega perdeu investimento e capacidade de xestión dos recursos”. Explican que se perderon programas que definían, “non sen problemas, unha carreira investigadora, e se substituíron por outros máis precarios que carecían de planificación ou continuidade; desaproveitáronse fondos europeos, e parte do orzamento dirixiuse, sen éxito, a atraer investimento privado mediante créditos que non se pedían”. Para reverter esta situación avogan pola creación dunha Fundación Galega para a Investigación, semellante á que existen en Euskadi e Cataluña, “que xestione a inversión de xeito más racional pensando na correcta xeración do coñecemento e fuxindo de intereses a curto prazo (o que dura unha lexislatura)”. InvestiGal aprobou unhas Liñas programáticas que poden ser consultadas aquí.

Consideran tamén necesario crear un Pacto Galego pola Investigación así como o reforzo da universidade pública como sostén do coñecemento e o traballo a prol da igualdade, tanto dende o punto de vista de xénero, como no que se refire ao recoñecemento de todos os sectores da investigación en Galicia, en todos os eidos, dende técnicos de laboratorio e persoal en formación ata catedráticos. Asemade tamén defenden un compromiso de boas prácticas e transparencia por parte da universidade, “que evite situacións de indefensión por parte do persoal contratado de duración determinada”.

Unha rede aberta a todos

A rede naceu dunha masa crítica do tecido investigador con interese en abordar problemas transversais da ciencia en Galicia. Aínda que o perfil predominante é o de persoas que se atopan nas etapas iniciais da súa carreira investigadora, que son as que sofren “na propia pel a situación de precariedade do sector”, a asociación é totalmente transversal. “É certo que algunhas das nosas reivindicacións, as referidas ao desenvolvemento dunha carreira investigadora, poden parecer alleas ó PDI estabilizado, pero tamén iso lles afecta, xa que somos o persoal dos seus grupos”, lembran. Por outra parte, tamén puntualizan que moitas das súas reivindicación, como a creación dunha fundación, as boas prácticas e a transparencia institucional ou o fomento dun Pacto pola investigación “son transversais”, afectan a todos os sectores e estamentos do persoal investigador, motivo polo que algúns investigadores estables xa mostraron interese pola asociación ou se uniron.