DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Esta edición desenvolverase do 2 ao 15 de xullo

A Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense volve aos escenarios para celebrar 25 anos

As representacións terán lugar no Teatro Principal e na praza da biblioteca pública da cidade

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Teatro
  • Cultura
DUVI Ourense 25/06/2020

Do 2 ao 15 de xullo, a cidade de Ourense acollerá unha nova edición da Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense, a Miteu. A cita cumprirá 25 anos celebrando a súa supervivencia a pesar do impacto da crise da covid-19 no sector cultural. A programación, adaptada ás esixencias sanitarias para garantir a seguridade do público asistente, contará con 17 representacións de compañías de cinco países e nela volverán a ter un protagonismo especial as aulas de teatro e danza do campus de Ourense. 

Compromiso coa cultura

A edición deste ano foi presentada este xoves no Teatro Principal de Ourense por representantes da compañía organizadora, Sarabela Teatro, e das entidades patrocinadoras, que son o campus de Ourense, a Deputación de Ourense e a Dirección Xeral de Políticas Culturais da Xunta de Galicia. Fernando Dacosta, director da Miteu, quixo agradecer ás entidades promotoras presentes o seu compromiso con esta mostra e lamentou o feito de que nesta edición o Concello de Ourense, principal patrocinador en anos anteriores, retirou o seu apoio económico á cita. Así, fixo fincapé na “falta de sensibilidade neste momento de pandemia cara o sector cultural” do actual equipo de goberno do órgano municipal. 

Pola súa banda, Esther de Blas, vicerreitora do Campus de Ourense, subliñou na súa intervención como “nestes momentos que están a ser difíciles para todos pero especialmente para a xente que traballa no eido da cultura, quero reiterar o meu compromiso persoal, o da Universidade de Vigo e o do noso Campus de Ourense co mundo da cultura e co mundo do teatro”. A vicerreitora quixo agradecer o compromiso das entidades patrocinadoras e da organización da Miteu por sacar adiante esta iniciativa a pesar das dificultades atopadas. Do mesmo xeito, Anxo Lorenzo, director xeral de Políticas Culturais, destacou este esforzo e compromiso cunha edición da mostra “tremendamente difícil” polo contexto actual. O responsable institucional recalcou como “necesitamos este tipo de oferta cultural como é a Miteu para volver chamar aos públicos”, facendo fincapé en traballar por “romper dalgunha maneira esa reticencia que hai despois de todos estes meses de confinamento” e “atopar a complicidade dos públicos para que volvan, con seguridade e garantías sanitarias” á cultura presencial. 

Destacando “a grande importancia a nivel cultural da Miteu” pero tamén a súa importancia “social” e “internacional”, Olga Mojón, directora do Teatro Principal, salientou pola súa banda como con esta edición da mostra, tras o parón provocado pola pandemia, “pretendemos que o Teatro Principal arranque con todas as medidas de seguridade, que volva á súa esencia, que volva a cultura”. Nesta aposta por retomar a actividade no sector, Patricia Torres, deputada de Cultura da Deputación de Ourense, subliñou como, adoptando as medidas de seguridade sanitaria precisas, “cremos que é importante que se siga promovendo a cultura, que se lle dea apoio”.

A polo espectador ou espectadora 200.000

Durante a súa intervención, Fernando Dacosta fixo balance de 25 anos de Miteu lembrando como ao longo deste cuarto de século participaron nesta mostra grupos de 47 países, de cinco continentes e de todas as comunidades autónomas españolas, cuns 5000 participantes, máis de 700 espectáculos e case 200.000 espectadores, cifra á que agardan chegar nesta 25 Miteu. Sobre a edición deste ano, o seu director indicou como haberá 17 representacións de grupos de Guinea, Italia, Arxentina e Portugal, ademais de Galicia, Euskadi, Navarra, Andalucía, Madrid e Castela e León. Nela, destacou, mantense a aposta pola mestura de xéneros, incluíndo espectáculos non só de teatro senón tamén de música, circo e danza; polo humor, con actuacións como a de Carlos Blanco, e polo compromiso social, coa sección Voces acaladas

A programación desta 25ª edición da Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense iniciarase o día 2 de xullo coa actuación das aulas de teatro universitarias de Ourense Rosaura (nivel 1) e Cordelia (nivel 2), que representarán no Teatro Principal Electra e un enxame de moscas. Con elas arrancará unha programación que terá un dos seus pratos fortes o día 4 de xullo, coa actuación de Carlos Blanco, que presentará no mesmo escenario Os mellores monólogos. O día 9, a Miteu volve a encontrarse coa danza coa celebración do 10º Encontro de Danza, organizado pola Aula de Danza do Campus de Ourense D-Outras, coordinada pola compañía Traspediante. A participación das aulas do campus de Ourense completarase coa actuación o día 12 de Geppetto, Aula Universitaria de Teatro Infantil do Campus de Ourense, que presentará o espectáculo Mati e os superpoderes, e o día 15 de xullo da Aula de Teatro Universitaria de Ourense Maricastaña (nivel 3), que representará a súa peza Imperator. Con esta última obra pecharase esta edición da Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense. Os espectáculos da praza da Biblioteca Pública de Ourense serán de balde e os do Teatro Principal terán un coste de 3 euros, excepto o espectáculo de Carlos Blanco que será de 8 euros.