DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Noticia Asime

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Saúde
  • Universidade e empresa
  • Institucional
DUVI 17/04/2020

No marco da alianza forxada entre a Universidade de Vigo e Asime desde o inicio da crise da COVID-19 insírense diversos proxectos solidarios levados a cabo coa implicación de diferentes empresas galegas, como a produción de dispositivos Lu-Touch, para abrir portas e ventás e pulsar botóns sen contacto directo, ou a fabricación de batas para o persoal sanitario e asistencial. A primeira entrega de materiais xurdidos destes proxectos solidarios, polos que se doarán 10.000 destes dispositivos e 1000 batas, foi realizada este venres na Delegación Territorial da Xunta de Galicia en Vigo, que se encargará de repartilos aos diversos hospitais, centros asistenciais e organizacións da área territorial. 

Este material de protección foi entregado esta mañá á delegada territorial da Xunta en Vigo, Corina Porro, nun acto no que estiveron presentes os representantes das empresas participantes nestas iniciativas, Lupeon, Davitic, Roviño, Akwel, Coasa, Ana Muñiz, PinFactory e Dalot, así como o xerente da Área Sanitaria de Vigo, Julio Comesaña. Trátase da primeira entrega de dispositivos Lu-Touch, un útil de apertura e peche de portas e fiestras que pode serve ademais para pulsar botóns e interruptores, evitando o contacto directo con superficies e limitando os riscos de contaxio, que están a producir as empresas Lupeon, Davitic, Roviño 5 e Akwel. Por outra banda, supuxo tamén a primeira entrega de batas para persoal sanitario que, baixo a coordinación tamén de Asime e a Universidade, producen as empresas Coasa, Ana Muñiz, Dalot e PinFactory.

Compromiso coa sociedade

A entrega deste material é unha nova iniciativa inserida nos proxectos solidarios que Asime e a Universidade están a levar a cabo con diferentes empresas para a produción altruísta e solidaria de material de protección para equipos sanitarios, forzas e corpos de seguridade e demais servizos asistenciais. “Enxeñeiros do ámbito industrial do centro de investigación Cintex-UVigo e do Vigo Tecnolóxico colaboran estreitamente coas empresas e con Asime co obxectivo de optimizar os deseños e procedementos para que estes sexan o máis eficientes, útiles e seguros posibles”, sinalan desde a Universidade de Vigo, que incide ademais en que a súa implicación nesta iniciativa “responde ao noso compromiso coa sociedade nesta situación de crise”.

O secretario xeral de Asime, Enrique Mallón, fixo énfase en que estes dous proxectos “están producidos con materiais da máxima calidade, confeccionados con precisión e, sobre todo, con moita solidariedade e entusiasmo”. Do mesmo xeito, puxo en valor como o traballo en equipo entre organizacións empresariais, empresas privadas, Universidade e goberno galego dá como resultado “proxectos útiles, de alta calidade, que van axudar dun xeito significativo na loita contra a pandemia da COVID-19”.

A delegada territorial da Xunta, pola súa banda, quixo expresar o seu recoñecemento “á capacidade destas empresas para reinventarse e pórse a disposición da sociedade”, así como o seu “talento e xenerosidade”. Nese senso, Porro valorou esta iniciativa como un “gran exemplo da batalla de prevención que xuntos, empresas e administración”, á vez que augurou que “en breve estaremos, e tamén xuntos, ante a segunda batalla, a da recuperación económica”. Tamén o xerente da Área Sanitaria de Vigo quixo agradecer a implicación de empresas e organizacións “tratando de achegar solucións e resolvendo problemas que van aparecendo”. Comesaña explicou que os produtos entregados foron “validados polo noso servizo de medicina preventiva” e subliñou “que van axudar moitísimo aos nosos sanitarios a facer mellor se cabe ese labor tan importante que fan cada día en primeira liña de batalla contra o virus”.

Vídeo da entrega do material e audio e video das declaracións realizadas polos participantes neste acto