DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coa participación de Pedro Campoy, do Grupo de Ecoloxoxía Costeira, EcoCost, CIM-UVigo

Unha nova sesión do ciclo Café con Sal afonda nos efectos das augas residuais sobre o ourizo de mar

O investigador expuxo os resultados preliminares da súa tese de doutoramento

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PDI
  • Vigo
  • Divulgación
  • Investigación
DUVI 01/10/2019

Como afecta a contaminación derivada das augas residuais urbanas aos organismos mariños e, máis concretamente, aos ourizos de mar?  Esta foi a pregunta a que este martes tratou de responder o investigador do Grupo de Ecoloxía Costeira, EcoCost, CIM-UVigo, Pedro Campoy nunha nova charla do ciclo de conferencias Café con Sal.

Durante a súa intervención, nun repleto salón de actos da Ecimat, Campoy presentou os resultados preliminares da súa tese de doutoramento, unha investigación realizada no seo do equipo de investigación en Ecotoxicoloxía e Contaminación Mariña, Ecotox, dirixido polo catedrático Ricardo Beiras,  e na que trata de desenvolver unha ferramenta útil para avaliar a posible disrupción endocrina causada por diferentes contaminantes resultantes das augas residuais urbanas en organismos mariños, principalmente aqueles que demostraron alcanzar concentracións relevantes nos ecosistemas (aditivos plásticos como ftalatos,  alquilfenoles, bromatos,  fosfatos, ou  filtros UV). O desenvolvemento desta ferramenta céntrase, segundo expuxo na súa intervención, en avaliar a resposta a nivel molecular e  tisular (gónada, sistema dixestivo e celoma) no ourizo de mar Paracentrotus  lividus durante a fase de maduración sexual.

O equipo de investigación en Ecotoxicoloxía e Contaminación Mariña (Ecotox), pertencente ao grupo EcoCost, traballa na avaliación integral da contaminación do mar mediante o uso combinado de ferramentas propias da bioloxía e a química analítica, xunto coa recompilación de información ecotoxicolóxica mariña co fin de achegar fundamentos científicos que poidan ser empregados para elaborar criterios e normas ambientais dirixidos a protexer este tipo de ecosistemas costeiros.

O seguinte Café con Sal será  con Beatriz Mouriño o 15 de outubro

A vindeira charla do ciclo Café con Sal terá lugar o martes 15 de outubro e correrá a cargo da investigadora do grupo de Oceanografía Biolóxica, CIM-UVigo, Beatriz Mouriño. Será, como é habitual, ás 11.00 horas no salón de actos da Ecimat e levará por título Why should we care about ocean turbulence?