DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A diversidade destes organismos repercute na obtención de mellores colleitas

Un novo vídeo de Divulgare achega a importancia das especies polinizadoras na actividade agrícola

O vídeo foi realizado para o Citaca, inserido dentro dun proxecto internacional

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Investigación
DUVI 16/05/2019

Divulgare, o proxecto de divulgación do Grupo de Ecoloxía e Evolución de Plantas da Universidade de Vigo, acaba de presentar La importancia de los polinizadores en los cultivos, un novo vídeo no que se fai fincapé na importancia de distintos animais coma vectores de polinización nos cultivos, algo que repercute na mellora das colleitas e na redución do seu impacto ambiental. 

O grupo, dirixido polo investigador Luis Navarro,  realizou este proxecto para o Clúster de Investigación e Transferencia Agroalimentaria do Campus da Auga (Citaca). “O traballo de investigación que se está a realizar no clúster non deixa lugar a dúbida: manter unhas prácticas agrícolas sostibles e respetuosas co medio ambiente redundarán, sen dúbida, nun beneficio para todos. Co vídeo pretendemos transmitir esa mensaxe a todos os axentes implicados e á cidadanía en xeral”, salienta Navarro, quen tamén destaca que traballar man a man co Citaca ten coma principal vantaxe estar en contacto con grupos de investigación multidisciplinares e punteiros. 

Para a realización desta peza audiovisual tamén se contou co apoio de dous proxectos de carácter internacional, Servicios ecosistémicos de polinización y dispersión en áreas naturales protegidas e Interacciones ecológicas como indicadoras de gestión en áreas naturales protegidas, inseridos no Programa Iberoamericano de Ciencia y Tecnología para el Desarrollo (Cyted) e centrados en analizar o papel das interaccións entre plantas e animais no funcionamento dos ecosistemas. 

Na procura de prácticas agrícolas sostibles

Os seres humanos dependen das plantas e dos seus subprodutos, alimentos e materiais, para a vida diaria. Para que os organismos vexetais dos que depende a produción agrícola se sigan reproducindo e  xurdan novos individuos, necesitan da intervención dos polinizadores, organismos animais que transfiren o polen dunhas flores a outras, fecundando os óvulos e dando forma á semente dos froitos. Co vídeo La importancia de los polinizadores en los cultivos achégase ao público a función destes animais na actividade agrícola e como a súa diversidade pode repercutir na calidade das colleitas, ademais de influír na calidade dos produtos obtidos e na diversidade das especies, tanto animais coma vexetais. 

A agricultura expandiuse moi rápido ao longo das últimas décadas para poder satisfacer as necesidades humanas debido ao crecemento demográfico, pero “o problema é que esta expansión estase a facer a costa da redución da biodiversidade dos ecosistemas”, salienta Navarro, ao tempo que apunta que esta situación está provocando unha uniformización da contorna, problemas de pragas e baixa produtividade .

O proxecto dentro do que se insire a realización deste vídeo busca o fomento de prácticas agrícolas sostibles e respectuosas co medio ambiente que resulten nun beneficio para todos. O aumento da diversidade das especies polinizadoras, repercute directamente na calidade dos cultivos, obtendo  produtos  de mellor calidade cun menor custe ambiental para o planeta.  Neste sentido, Navarro destaca que “agora sabemos que, por exemplo, só con manter lindes de vexetación natural entre terreos de cultivo pódese aumentar ata un 70% a presenza de polinizadores e un 40% a presenza de insectos que controlan as pragas de forma natural”.