DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O grupo G4+ reunirá información sobre a xestión da auga, residuos, residuos ou mobilidade

Un observatorio para trazar unha panorámica da situación ambiental de Pontevedra

A iniciativa insírese no proxecto Efecto PO2 do Concello

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Divulgación
  • Medio Ambiente
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 13/02/2020

Reunir e estruturar unha serie de datos sobre diferentes aspectos ambientais e de sustentabilidade que permitan trazar unha panorámica sobre a situación na que se atopa Pontevedra nestes eidos é o obxectivo do Observatorio PO2. Impulsado pola Concellaría de Promoción da Cidade, no marco do seu proxecto Efecto PO2, o desenvolvemento deste observatorio correrá a cargo do grupo de investigación G4+, da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, que traballará nos próximos meses na busca e estruturación de información procedente de diferentes fontes, a partires dun modelo integrado por 186 indicadores vinculados a cinco ámbitos de análise; auga, atmosfera e clima, residuos, mobilidade e territorio.

O sistema de información desenvolto polo grupo que dirixe o profesor Pedro Figueroa foi presentado este xoves no Concello nunha rolda de prensa na que a concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías, explicou que a  campaña Efecto PO2, busca “profundar no modelo de Pontevedra”, abranguendo aspectos vinculados coa mobilidade e cos seus efectos sobre o medio ambiente. Con ese obxectivo, a campaña contemplaba a creación dun observatorio, xa que, explicou, “necesitamos establecer un sistema de indicadores que nos permitise avaliar os resultados de aplicar un modelo de deseño urbano concreto”. Así, dando continuidade ao Observatorio Urbano socioeconómico que o grupo G4+ desenvolve co Concello, impulsouse un novo e “ambicioso” proxecto, como sinalou Figueroa. O obxectivo desta iniciativa, apuntou o docente, é “proporcionar información dos indicadores máis relevantes” nos eidos do medio ambiente e a sustentabilidade, co propósito de que axuden ao desenvolvemento de políticas públicas, así como trasladar tamén esta información aos diferentes “axentes públicos e privados” e divulgala entre a cidadanía. 

Cinco ámbitos, 186 variables

O proxecto deste observatorio arrincou o pasado mes de setembro con “diversas xuntanzas e conversas” con técnicos do Concello, empresas concesionarias ou asociacións ambientalistas, co propósito de definir, tendo en conta tamén directivas internacionais como os Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable da Axenda 2030 da ONU, o “modelo conceptual” do observatorio. A partires de aí, definiuse un “sistema de información” estruturado en cinco ámbitos, 37 variables e 186 indicadores, caracterizado polo seu "enfoque sistémico ou holístico", co propósito de contemplar, explicou Figueroa, "todos aqueles aspectos que se interrelacionan para mellorar a calidade de vida no espazo urbano”.

Por unha banda, o observatorio reunirá unha serie de datos vinculados á auga e relativos á súa captación, consumo, distribución ou tratamento de augas residuais, explicou Figueroa. Un segundo ámbito estará centrado nos eixos de atmosfera e clima, reunindo datos sobre calidade do aire, gases de efecto invernadoiro, contaminación acústica e luminosa e información meteorolóxica; mentres que un terceiro bloque analizará o tratamento dos residuos domésticos e comerciais, o tratamento da materia orgánica a través do Plan Revitaliza, así como a xestión do punto limpo. A mobilidade será outros dos ámbitos de análise, no que se engloban “os modos de desprazamento, a rede viaria, a accesibilidade, o parque de vehículos e o calmado do tráfico”, explicou o director do grupo G4+. Por último, o observatorio reunirá información sobre territorio, ámbito no que se agrupan os indicadores sobre distribución do espazo urbano e o seu equipamento, o patrimonio natural, a paisaxe e a diversidade biolóxica. Así mesmo, estes cinco ámbitos de análise contarán todos eles con variables dirixidas a coñecer as iniciativas realizadas en materia de divulgación e os investimentos acometidos. 

Tralo traballo centrado en pechar o modelo do observatorio, o grupo G4+ traballará nos próximos meses na busca e estruturación dos datos, para posteriormente elaborar un informe do que está previsto dar a coñecer unha “primeira entrega” o 5 de xuño, coincidindo co Día Mundial do Medio Ambiente. Así mesmo, o proceso de elaboración deste documento permitirá tamén definir tamén aqueles indicadores dos que non será posible obter información e respecto dos que “sería interesante”, como apuntou Figueroa, “implantar un sistema de medición”: