DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As e os inscritos son estudantes da Facultade de Dereito ourensá

Oito equipos compiten na VII Liga de Debate da Universidade de Vigo

A final celebrarase o día 19 de decembro no campus

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Premios
  • Académica
Rosa Tedín DUVI Ourense 18/11/2019

A VII Liga de Debate da Universidade de Vigo xa está en marcha. Como cada ano por estas datas, arranca unha iniciativa que, coordinada desde a Facultade de Dereito do campus de Ourense polo catedrático Pablo Raúl Bonorino, trata de fomentar entre o alumnado a capacidade de diálogo, de argumentación e de debate co obxectivo último de mellorar a súa formación.

Rematado o prazo de inscrición, explica o responsable da iniciativa, nesta edición son oito os equipos que participarán, todos eles do campus de Ourense e alumnos e alumnas principalmente de cuarto curso do Grao en Dereito. A maioría, indica, son estudantes matriculados na materia de Argumentación que “ven esta actividade como algo complementario á formación que reciben nela”. Aínda que a convocatoria para participar na liga estivo, como en anos anteriores, aberta a toda a comunidade universitaria dos diferentes campus o protagonismo recae unha vez máis no alumnado desta materia. “Sen falar nunca en público é difícil animarse a participar nesta liga. Argumentar é unha habilidade que se exercita coa práctica, non se poden aprender de forma libresca”, advirte o catedrático.

Desenvolvemento da actividade

Tras apuntarse á liga, o alumnado inscrito xa recibiu unha clase maxistral destinada a mellorar a súa participación na competición. As vindeiras semanas desenvolveranse os primeiros debates entre os equipos ata que finalmente o 19 de decembro se celebre como cada ano na aula magna da Facultade de Dereito as semifinais e a final da liga, cun xurado experto que valorará a actuación das e dos participantes para escoller finalmente ao equipo gañador desta edición. A diferencia de anos anteriores, apunta Pablo Raúl Bonorino, serán as e os propios alumnos os que elixan os temas a debate, que habitualmente eran escollidos pola organización e que se caracterizaban por ser temas de actualidade e controversia nas posturas a favor e en contra, como a legalización da prostitución ou a maternidade subrogada.

Sobre o interese de participar no desenvolvemento desta liga para as persoas inscritas, o seu responsable recalca como “ser capaz de argumentar en defensa das túas opinións en público é fundamental, sobre todo para calquera xurista, pois é a principal ferramenta para o exercicio da súa profesión”. Ademais, apunta o catedrático, as habilidades de falar en público e argumentar son necesarias para todo de actividades profesionais como a participación en congresos, actos, etc. “O importante é que os alumnos aproveiten a experiencia de participar nesta liga como un desafío para mellorar, sexa cal sexa o seu punto de partida en argumentación”, sinala por último Pablo Raúl Bonorino.