DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O campus acolleu este xoves un seminario ofrecido pola catedrática Ofelia Rey

Unha ollada á muller e á cultura na Idade Moderna

A cita contou coa asistencia de alumnado de Historia e Ciencias da Educación

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Igualdade
  • Académica
DUVI Ourense 12/03/2020

Aproveitando a celebración e a reivindicación do día 8 de marzo como Día Internacional das Mulleres, foron diversos os actos que, desde diferentes ámbitos de coñecemento, puxeron o seu foco na cuestión de xénero nas últimas semanas. Pechando esta programación no campus de Ourense, este xoves celebrouse un seminario científico centrado no papel da muller e da cultura concretamente na Idade Moderna.

O seminario estivo organizado pola Área de Historia Moderna da Universidade de Vigo coa colaboración da Facultade de Historia do campus de Ourense e contou coa asistencia de numeroso alumnado dos graos tanto de Xeografía e Historia como de Educación Infantil, este último da Facultade de Ciencias da Educación. A iniciativa contou cunha primeira parte consistente nunha conferencia de Ofelia Rey Castelao, catedrática de Historia Moderna e profesora da Universidade de Santiago de Compostela cunha dilatada traxectoria no eido da investigación sobre a historia das mulleres. A segunda parte consistiu nun debate co público asistente ao acto sobre a temática abordada.

Na presentación do seminario e en nome da organización, a tamén catedrática e historiadora pero da Universidade de Vigo María López salientou como o seminario celebrado se enmarca “dentro das actividades docentes que programamos todos os anos, convidando a unha persoa especialista de fóra, e recoñecida no seu ámbito, para profundar en determinadas temáticas”. Sobre Rey Castelao, María López subliñou como se trata dunha “persoa recoñecida en España e fóra de España, particularmente en Francia” e definiuna como “unha docente vocacional, unha investigadora e traballadora incansable e unha apaixonada da historia”. Poñendo o aceno na excelencia da relatora, María López destacou entre os datos do extenso curriculum de Ofelia Rey como é autora de arredor de 20 libros e investigadora principal doutros tantos proxectos de investigación estatais e internacionais.

Unha minoría

Antes de dar inicio ao seminario, Ofelia Rey apuntou como “a miña conferencia céntrase en explicar cal foi a relación entre as mulleres e a cultura letrada fundamentalmente no século XVIII”, entendendo por cultura letrada toda o que non é cultura oral, desde a alfabetización, o contacto con libros e as lecturas ata as escritoras. A súa intervención, indicou, pretendeu dar unha visión ás e aos asistentes “do proceso conxunto que vai desde a incursión das nenas no mundo escolar ata que algunha delas acabaron sendo autoras”, centrándose especificamente na Idade Moderna.

No século XVIII, a catedrática de Historia Moderna da Universidade de Santiago de Compostela destacou como na educación e na cultura a presenza de mulleres limitábase a “unha minoría moi escasa respecto aos homes”. Nas clases pobres, indicou, “as nenas traballaban” e nas clases altas, engadiu, “consideraban unha inutilidade” que as nenas dedicasen o seu tempo a esta cuestión. “Non sabían moi ben para que servía a aprendizaxe”, apuntou lembrando como se a presenza en escolas era minoritaria igualmente as mulleres non accedían a outros niveis educativos, como a universidade.

Durante a súa abordaxe de xénero, a relatora tamén se achegou ao papel de escritoras e escritores nesta época. “En xeral, aínda que hai varios nomes moi coñecidos de escritoras no século XVIII non son escritoras que teñan pasado á historia da literatura”. Entre estes nomes citou a Inés Joyes y Blake, Beatriz Cienfuegos e Josefa Amar y Borbón. Estas autoras, apuntou Ofelia Rey, “son coñecidas porque escribiron algúns textos de orde menor, algunhas defensas das mulleres por exemplo, pero non son grandes literatas”. Tamén fixo mención Ofelia Rey a varios autores que no século XVIII “reivindicaron a intelixencia das mulleres e que eras exactamente igual de válidas que os homes para calquera actividade intelectual, como os padres Feijóo, Sarmiento e Arramendi”. Estes autores, apuntou, eran “case sempre eclesiásticos que coñecían moi ben a realidade das mulleres e que a reivindicaron”.